Políticos europeos firman unha solicitude para nominar o presidente de Ucraína ao Nobel da Paz

Pese a que o prazo para presentar as candidaturas rematou o pasado 31 de xaneiro, os asinantes pediron que se amplíe até o 31 de marzo.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)

Un grupo de eurodeputados e políticos dos Países Baixos, Reino Unido, Alemaña e Suecia, entre outros, asinaron unha solicitude conxunta para presentar a nomeación do actual presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, e a cidadanía do país para o Premio Nobel da Paz.

Pese a que o prazo para presentar as candidaturas rematou o pasado 31 de xaneiro, os asinantes pediron que se amplíe o período até o 31 de marzo para que Zelenski poida ser nomeado, xa que, segundo os políticos europeos, este é un "caso sen precedentes".

Na carta enviada ao Comité dos Premios Nobel, afirman que "o mundo está conmocionado polas imaxes de guerra que chegan desde Ucraína", e destacan a figura de Zelenski como símbolo da "coraxe do pobo de Ucraína que resiste esta guerra contra Rusia".

Cualifican como "valentes" os ucraínos e ucraínas que "loitan para preservar a democracia e a independencia" de Ucraína, desde o "presidente escollido democraticamente até o home que se despide da súa familia con bágoas nos ollos para loitar polo seu país".

Sen resposta do Comité

Polo de agora, o Comité dos Premios Nobel non se manifestou ao respecto desta petición conxunta, encabezada, entre outras, polo ex primeiro ministro de Bélxica Guy Verhofstadt; a ex vicepresidenta da Comisión Europea Neelie Kroes; e a activista polos dereitos humanos Ayaan Hirsi Ali.

Quen si fixo pública a súa postura en relación a posíbel nomeación de Zelenski ao Nobel da Paz é o Goberno ruso. En concreto, o integrante do Consello de Dereitos Humanos de Rusia, Oleksandr Brod, quen afirmou que o Nobel da Paz é un "premio hipócrita", en declaracións recollidas pola axencia rusa de noticias RIA Novosti.

Brod afirmou que o galardón leva moito tempo desvalorizado, e lembrou que xa o gañaron "Yasser Arafat e Barack Obama", polo que, se o gañase o presidente de Ucraína, sumaríase á lista de "destrutores".

Comentarios