Esta é a 'lista negra' de "países hostís" do Goberno ruso

A UE inclúe na súa propia 'lista negra' máis de 800 dirixentes rusos "implicados na invasión de Ucraína".

Vladímir Putin inclúe 48 países na súa 'lista negra' (Foto: Kremlin).
photo_camera Vladímir Putin inclúe 48 países na súa 'lista negra' (Foto: Kremlin).

O Goberno de Vladímir Putin vén de facer pública, segundo informou a axencia rusa Interfax, a 'lista negra' de países que considera "hostís" para a Federación Rusa.

Neste documento están incluídos a día de hoxe os 27 países que conforman a Unión Europea (UE), así como outros países do continente como a propia Ucraína.

A lista complétana os Estados Unidos de América (EUA), Canadá, Xapón, Corea do Sur, Australia, Micronesia, Nova Zelandia, Singapur, Taiwán e os europeos Andorra, Reino Unido, Montenegro, Suíza, Albania, Islandia, Liechtenstein, Mónaco, Noruega, San Marino e Macedonia do Norte.

O Executivo ruso incluíu países como Suíza após sumárense aos paquetes de sancións económicas anunciados pola UE e máis os EUA.

A 'lista negra' da UE

Pola súa parte, esta cuarta feira a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou que a UE vén de engadir á súa propia 'lista negra' 160 cidadáns rusos, entre eles "oligarcas e membros do Consello da Federación".

Con esta nova medida, a UE mantén sancións contra máis de 800 dirixentes rusos "implicados na invasión de Ucraína".

Aliás, Von der Leyen avanzou novas sancións económicas contra tres bancos belarusos e restricións ás exportacións de compoñentes marítimos a Rusia e criptomoedas.

Comentarios