Opinión

A guerra de Ucraína: propaganda atlantista e represión

Opinión

A guerra de Ucraína: propaganda atlantista e represión

O valor do xornalista de guerra é o traballo que realiza sobre o terreo, a información de primeira man, cousa que neste momento só uns poucos están a facer.

Que está a pasar ou que non está a pasar en Ucraína? Esa é a cuestión. Máis aló das redes sociais, énos difícil saber que esta pasando realmente nese país nas últimas semanas, xa que os grandes medios de comunicación utilizan imaxes extraídas das redes sociais, en ocasións non contrastadas nin verificadas, coma se se tratase de verdades absolutas. 

É evidente que, a estas alturas do conflito, podemos xa destacar a escaseza de imaxes veraces, ou a escaseza, polo menos, daquelas imaxes que os e as xornalistas occidentais deberían ter recollido ─e difundido─ sobre o terreo, e máis tendo en conta que, como ben sabemos os que traballamos en zonas de guerra, o valor do xornalista de guerra é o traballo que realiza sobre o terreo, a información de primeira man, cousa que neste momento só uns poucos están a facer. Chegados a este punto, podemos deducir cal esta a ser a tónica xeral da información desta guerra na prensa Occidental: información parcial, nesgada e de dubidosa procedencia -ao lado do aliado europeo, obviamente-. Isto é grave e preocupante.

Así, poderiamos dicir que a propaganda da OTAN deu un tremendo salto cualitativo e podemos afirmar que estamos na antítese do xornalismo. Porque máis aló da propaganda, non sabemos realmente o que está a pasar en Ucraína. "A situación é moi grave, hai bombardeos contra civís, hai mortos", dinnos, pero non hai imaxes fiables nin suficientes, polo momento, para saber o que está a pasar realmente. Doutra banda, estamos ante un novo modelo xornalístico preocupante que se está  naturalizando e normalizando, e que pon ao xornalismo nunha situación complicada: o modelo de quen traballa sen saír dun hotel de Kíiv ou opinan/difunden desde oficinas de Nova York, París ou Madrid. E en cambio, seguimos sen ver correspondentes en Donbass, a rexión máis golpeada durante todo o conflito.  

Ao fío deste modelo xornalístico, convén escoitar a opinión de ex xornalistas de guerra que apareceron en televisión e que denunciaban exactamente o mesmo: como é posíbel facer xornalismo sen saír dun hotel de Kíiv?. "Sería mellor que deixasen o xornalismo de guerra se non teñen intención de por en perigo o seu status", dicían indignados. Touche! Aí está a clave.

Este modelo xornalístico mergúllanos nun novo paradigma propagandístico, nunha nova dimensión do xornalismo atlantista, onde paradoxalmente se mestura co vello paradigma "humanitarista" de sensibilización de masas para a posterior xustificación da intervención da OTAN: a guerra humanitaria. O tema dos refuxiados é un exemplo diso e ten como obxectivo unha guerra psicolóxica a gran escala. Pero sendo serios, dignos, e obxectivos, habería que lembrar que case dous millóns de refuxiados escaparon do Donbass desde que comezou a guerra ─aínda tendo unha poboación moi inferior á de Ucraína─, case todos cara a Rusia e que nesta segunda cóntanse xa por 65.000. Con todo, estes datos non teñen relevancia nos medios de comunicación occidentais e foron directamente censurados.

Nin que dicir sobre as accións de guerra, porque é curioso ver como se omite a autoría dos ataques cando se trata dos bombardeos do exército aliado -o ucraíno-. En Donetsk levan oito anos "de bombardeos" coma se o autor dos mesmos fose o espírito santo.   

Ademais do salto propagandístico, a represión tamén deu un salto cualitativo desde o inicio desta nova escalada, e o maior reflexo diso é o encarceramento en Polonia do xornalista vasco Pablo González. Escasa solidariedade no mundo periodístico e silencio sepulcral das institucións, porque Pablo é "prorruso" ou, mellor dito, é un "espía ruso". As mentiras, fantasías e acusacións infundadas que propaga o país máis antidemocrático de Europa  prevalecen fronte á palabra de quen coñezo, e sabemos que se trata dunha basta montaxe perpetrada polos servizos de intelixencia de diferentes países. 

O descaro é maiúsculo: antes apareciamos na famosa "lista de Soros" ou na lista de terroristas dos servizos secretos ucraínos e, como consecuencia, pechábannos as portas en varios medios de comunicación. Agora mándannos directamente ao cárcere ante o silencio da maioría de xornalistas. Avecíñase un ataque represivo sen precedentes contra xornalistas, analistas e voces críticas, e quen escape do discurso atlantista vaino pagar moi caro.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios