A guerra en Ucraína, en directo, este 18 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

Combates nos arrabaldes de Kíiv (Alex Chan Tsz Yuk/SOPA Images); edificio derruído na capital ucraína (Alex Chan Tsz Yuk/SOPA Images), e persoas refuxiadas en Moldova (Robin Loznak/ZUMA Press).
photo_camera Combates nos arrabaldes de Kíiv (Alex Chan Tsz Yuk/SOPA Images); edificio derruído na capital ucraína (Alex Chan Tsz Yuk/SOPA Images), e persoas refuxiadas en Moldova (Robin Loznak/ZUMA Press).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

19.21 | Xi Jin Ping exixe un esforzo aos Estados Unidos para acadar a paz en Ucraína

O presidente de China, Xi Jin Ping, mantivo unha conversa no día de hoxe co seu homólogo estadounidense, Joe Biden, para analizar a situación actual da guerra de Ucraína. Segundo afirma o Goberno chinés, Ping trasladoulle a Biden que China "non ten ningún interese nos conflitos armados", e exixiu aos Estados Unidos (EUA) un esforzo para poder acadar a paz en Ucraína. 

18.39 | Varios países europeos comezan a expulsar diplomáticos rusos

Estonia, Letonia e Lituania expulsaron no día de hoxe de xeito coordinado 10 diplomáticos rusos para mostrar a súa solidariedade con Ucraína. Unha medida semellante levará a cabo Bulgaria, quen xa anunciou que expulsará outros 10 diplomáticos de Rusia, segundo anunciou a embaixada rusa en Bulgaria.

16.42 | Políticos europeos firman unha solicitude para nominar o presidente de Ucraína ao Nobel da Paz​

Un grupo de eurodiputados e políticos dos Países Baixos, Reino Unido, Alemaña e Suecia, entre outros, asinaron unha solicitude conxunta para presentar a nominación do actual presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, e a cidadanía do país para o Premio Nobel da Paz.

Pese a que o prazo para presentar as candidaturas rematou o pasado 31 de xaneiro, os asinantes pediron que se amplíe o prazo até o 31 de marzo para que Zelenski poida ser nominado, xa que segundo os políticos europeos, trátase dun "caso sin precedentes".

15.37 | A ONU confrima 816 civís mortos desde o inicio da guerra, pero afirma que a cifra real é moito maior

A Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos de Nacións Unidas (OHCHR en inglés) confirmou a morte de, cando menos, 816 civís en Ucraína desde que comezou a invasión rusa o pasado 24 de febreiro, segundo os datos que publicou a axencia este sexta feira con información até a noite da quinta feira. Ademais, Nacións Unidas tamén corroborou que 1.333 civís resultaron feridos. 

13.40 | Compra "desbocada" de alimentos nas tendas rusas

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, apuntou esta sexta feira en declaracións recollidas por Sputnik que se están a producir nas últimas horas, en diferentes cidades rusas, compras "desbocadas" de alimentos nos supermercados e outros estabelecementos que, dixo, son "froito da impulsividade". "O frenesí non se basea en nada nin está provocado por nada, é exclusivamente impulsivo [...] É comprensíbel que alguén non poida controlar as emocións, mais se estás ao tanto sabes que non hai necesidade ningunha de correr á tenda e mercar papel hixiénico ou azucre", apuntou, lembrando a situación semellante que se dera nos primeiros meses do confinamento pola pandemia, en 2020.

13.00 | Ucraína reporta 60 civís mortos e 241 feridos en Kíiv desde o inicio da invasión

As autoridades da capital ucraína, Kíiv, reportaron esta sexta feira "cando menos" 60 civís mortos e outros 241 feridos desde o inicio da invasión rusa o pasado 24 de febreiro.

11.49 | Cara a cara dos presidentes da China e dos EUA para falar da guerra en Europa

Xi Biden reúnense por videoconferencia esta sexta feira nun encontro no que tamén tratarán a súa competencia directa. Beijing mantén unha posición ambigua con respecto a invasión rusa de Ucraína, non condenándoa mais absténdose de votar con Rusia na Asemblea Xeral de Nacións Unidas. Xi cualificou a crise de "preocupante" e avogou polo diálogo entre as partes.

11.12 |  A OMS pide un alto o fogo inmediato

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, demandou esta sexta feira un alto o fogo inmediato e unha "solución política" en Ucraína, e advertiu que as consecuencias sanitarias terían unha repercusión "durante décadas", ao tempo que puxo de manifesto os "problemas de acceso" cos que toparon as e os profesionais da OMS para enviar subministros médicos. "Precisamos un acceso sen restricións", dixo.

09.00 | Rusia pide unha reunión na ONU sobre os presuntos laboratorios biolóxicos dos EUA en Ucraína

O embaixador da Federación Rusa ante a ONU, Vasili Nebenzia, demandou esta sexta feira, segundo recolle a axencia Tass, unha reunión no seo do Consello de Seguridade da ONU para estudar os presuntos "laboratorios de armas biolóxicas" que, segundo Rusia, os EUA terían desenvolvido en Ucraína.

08.00 | Fortes bombardeos en Kharkiv

Segundo reporta Europa Press, o centro comercial de Barabashovo, "un dos maiores mercados do leste de Europa", rexistrou esta quinta feira un incendio "como consecuencia dos fortes bombardeos na cidade de Kharkiv". Só nesta localidade, segundo a ONG Human Rights Watch (HRW), máis de 450 morreron ou foron feridos nos primeiros once días da guerra.

07.45 | As tropas rusas avanzan na rexión de Luhansk

O asesor diplomático da República de Luhansk, Rodión Miróshnik, asegurou, en declaracións recollidas por Sputnik, que a bandeira dos milicianos separatistas "foi izada en Rubizhne", e agora os combates decorren en Popasnaya e Severodonetsk, "e logo virá Lisichansk", na mesma rexión, dixo.

07.30 | Máis de 3.000 persoas evacuadas esta quinta feira polos corredores humanitarios

A viceprimeira ministra de Ucraína, Irina Vereshchuk, vén de asegurar que oito dos nove corredores humanitarios planificados para esta quinta feira funcionaron, con perto de 3.810 persoas evacuadas en distintos puntos do país; todos agás o de Kharkiv.

Comentarios