A Comisión Europea ameaza con bloquear os medios de comunicación estatais rusos

A Comisión Europea endurece as medidas contra Rusia. Prevé vetar os seus medios de comunicación así como fechar o espazo aéreo europeo para aeroplanos rusos. 
A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen (Etienne Ansotte / Pool Council Via / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen (Etienne Ansotte / Pool Council Via / DPA)

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, vén de asegurar que o fechamento progresivo do espazo aéreo europeo que están a aplicar os Estados membros afectará tamén "os jets privados dos oligarcas", no marco dun endurecemento das medidas contra o Kremlin que inclúe tamén o veto aos seus medios de comunicación, Russia  Today e Sputnik.

"Propoñemos unha prohibición para todos os aeroplanos propiedade de rusos, rexistrados en Rusia ou baixo control ruso", dixo Von der Leyen, nunha comparecencia sen preguntas, acompañada do Alto Representante de  Política Exterior da UE, Josep Borrell, para explicar o endurecemento das sancións  que ultima a Comisión Europea.

O obxectivo é que ningún avión propiedade dunha persoa física ou xurídica rusa poida "sobrevoar, aterrar ou despegar" en territorio da Unión Europea, un veto que  se aplicará a "os jets privados de oligarcas", segundo subliñou a política alemá.

Un total de 18 países europeos fecharon xa o seu espazo aéreo aos avións rusos en represalia polo conflito en Ucraína, incluídos grandes potencias como Alemaña, Italia ou Francia, que anunciaron tamén hoxe esta restrición.

Bélxica, Islandia, Dinamarca, Luxemburgo, Finlandia, Irlanda, Letonia, Estonia, Lituania, República Checa, Bulgaria, Romanía, Austria, Polonia e tamén o Estado español fecharon igualmente o seu espazo aéreo, co que se suman a Reino Unido, que anunciou  a medida a semana pasada.

Vétanse Russia Today e Sputnik

Von der Leyen destacou outro "paso sen precedentes", o veto "á máquina mediática do Kremlin", polo que quedará prohibida a difusión da televisión Russia Today e da axencia de noticias Sputnik así como as súas filiais, a quen a UE fai responsábeis de contribuír á “desinformación” difundindo "mentiras para xustificar a guerra de Putin".

"Estamos a desenvolver ferramentas para prohibir a súa desinformación tóxica e daniña para Europa", apuntou a xefa do Executivo comunitario, que confirmou  que se preparan máis medidas sancionadoras contra o réxime bielorruso de Lukashenko pola súa “axuda a Moscova”.

Comentarios