Pegasus

A Xustiza española acaba co caso pola espionaxe a Pedro Sánchez

O maxistrado xustifica o arquivo das investigacións por mor de que Israel non contestou as solicitudes de información sobre o programa espía Pegasus.
Pedro Sánchez. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

José Luis Calama, xuíz da Audiencia Nacional española, arquivou a investigación pola espionaxe por medio do programa israelí Pegasus do teléfono móbil do presidente Pedro Sánchez e dos titulares de Defensa, Margarita Robles; Interior, Fernando Grande-Marlaska, e Agricultura, Luis Planas, segundo trasladaron na segunda feira medios estatais. O maxistrado responsabiliza o Estado de Israel desta situación por negarse a contestar as catro comisións rogatorias efectuadas no último ano para que brindase información sobre as prácticas da empresa, o que “evidencia claramente unha absoluta falta de cooperación xurídica” para resolver un caso que “puxo en cuestión a propia seguridade do Estado”, admite o xuíz.

Ademais de incidir en que só resta a vía diplomática para que Tel Aviv conteste as solicitudes, Calama afirma que sen eses datos non é posíbel desvelar quen estaba detrás da espionaxe, investigada por descubrimento e revelación de segredos.

Así e todo, unha misión de investigación do Parlamento da Unión Europea (UE) sinalou que considera “plausíbel” que Marrocos estivera detrás da espionaxe, mentres que medios británicos responsabilizaron Rabat de seleccionar até 200 obxectivos no Estado español para utilizar o programa espía  israelí.

A resolución xudicial indica que a primeira extracción daniña de información do móbil de Sánchez decorreu entre o 19 e o 21 de maio de 2021, pouco despois da entrada masiva de migrantes en Ceuta unha vez que as forzas de seguridade marroquís abandonaron as súas posicións.

A segunda extracción grave das até cinco infeccións do móbil produciuse o 31 de maio, o mesmo día no que Marrocos subliñaba que a crise política co Estado español -que comezou a solucionarse co recoñecemento por parte de Sánchez da autonomía marroquí sobre o Sáhara Occidental- debíase ao tratamento nun hospital do Estado do líder da Fronte Polisario e da República Árabe Saharauí Democrática, Brahim Ghali.

Espionaxe a independentistas

En paralelo, un informe do Parlamento da UE detallou un segundo caso de espionaxe no Estado español contra 65 líderes independentistas cataláns, nun informe no que criticou as “reticencias” de Madrid a investigar estes casos, denunciando o abuso de programas espías como Pegasus. Ademais, insta a proporcionar unha “reparación legal” ás vítimas e garantir investigacións xudiciais “imparciais”.

Comentarios