Caso 'Pegasus'

O CNI recoñece que espiou independentistas con orde xudicial

A directora de Intelixencia, Paz Esteban, apuntou ás 'cloacas' do Estado ou un país estranxeiro no que respecta á intervención dos móbiles de Pedro Sánchez e Margarita Robles que Moncloa denunciou esta mesma semana.
A directora do CNI, Paz Esteban, á súa chegada ao Congreso acompañada do secretario xeral do grupo socialista, Rafael Simancas, esta quinta feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera A directora do CNI, Paz Esteban, á súa chegada ao Congreso acompañada do secretario xeral do grupo socialista, Rafael Simancas, esta quinta feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Centro Nacional de Intelixencia (CNI) admitiu esta quinta feira que espiou un "número determinado" das e dos independentistas que apareceron na lista publicada por The New Yorker, mais a respecto das demais persoas que foron vítimas de escoitas, entre elas o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apuntou dous posíbeis culpábeis: un país estranxeiro ou membros das denominadas 'cloacas' do Estado.

Así o desvelou o portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, tras escoitar as explicacións que ofreceu a directora do CNI, Paz Esteban, ante os portavoces parlamentarios que integran a Comisión de Gastos Reservados, nunha sesión que decorreu a porta fechada.

"Saímos como entramos, non houbo segredos nin oficiais nin extraoficiais", dixo Rufián, incidindo en que non incumpría a lei ao desvelar parte desa comparecencia porque o groso da mesma versou sobre cuestións xa "filtradas" aos medios de comunicación.

Segundo detallou, Esteban acudiu á comisión con documentación que contiña as autorizacións xudiciais para as escoitas que levou a cabo o CNI, sinalou que non podía falar especificamente do programa Pegasus e non ofreceu ningunha solución a esta situación.

Apoio de Robles

Esta cuarta feira, a ministra de Defensa, Margarita Robles, apoiou publicamente Paz Esteban porque "está a ter que aguantar estoicamente" imputacións que, segundo asegurou, "non se corresponden coa realidade".

Ao mesmo tempo, rexeitou as acusacións "sen base probatoria" a Intelixencia, que "non se pode defender" polo secreto legal que rexe as súas actuacións, argumentou Robles.

Desde a oposición diversas forzas políticas como EH Bildu, ERC ou o BNG pediron a dimisión da ministra. Mais as críticas chegaron tamén do socio de Goberno do PSOE, Unidas Podemos, que tamén instou Robles a "asumir responsabilidades políticas ao máximo nivel".

Comentarios