O Estado español é o único que non respondeu á petición de información de Bruxelas pola espionaxe de 'Pegasus'

Os outros Estados que si responderon son Grecia, Hungría e Polonia.
Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

O Estado español é o único dos consultados pola Comisión Europea en relación aos casos de espionaxe relacionados co programa Pegasus que non respondeu aínda aos requirimentos de información de Bruxelas.

En concreto, a Comisión Europea enviou cartas de Hungría, Polonia, Grecia e o Estado español para que achegasen máis datos sobre esta cuestión.

O comité do Parlamento Europeo que investiga o uso de Pegasus dirixiu preguntas escritas ao Executivo comunitario sobre o asunto. Nas respostas dise que a carta para ampliar a información enviouse o 24 de maio e que o Estado español aínda non a respondeu.

Os escritos remitidos a Hungría e Polonia foron enviados o 14 de febreiro. Mentres que as autoridades polacas non enviaron a información requirida até o 29 de marzo, a resposta húngara chegou o 11 de maio. En canto a Grecia, Bruxelas enviou a carta o 29 de xullo, recibindo resposta o 2 de agosto.

Respostas dos outros Estados

Na carta que enviou aos catro Estados, a Comisión Europea pedía máis información sobre o seu marco legal e a súa interrelación coa lexislación europea de protección de datos, concretamente o regulamento xeral de Protección de Datos e a directiva sobre o seu uso de datos por parte das forzas de seguridade.

No escrito, remitido ao comité do Parlamento Europeo, a Comisión Europea di que as autoridades húngaras argumentaron que o uso de Pegasus forma parte da seguridade nacional e non está baixo a lexislación europea, a mesma resposta que deron as autoridades polacas.

As autoridades gregas sinalaron que é cuestionábel que as preguntas do executivo comunitario se atopen dentro das competencias da Unión Europea e aseguran que as autoridades xudiciais do país investigan o intento de espionaxe a un eurodeputado.

Por último, Bruxelas conclúe o texto asegurando que continuará avaliando a relación entre a lexislación dos Estados membros e a de protección de datos europea. Tamén se compromete a seguir "de perto" as conclusións do comité da Eurocámara.

Comentarios