Caso 'Pegasus'

A Xustiza levanta o segredo de sumario sobre 'Pegasus': o ministro Félix Bolaños, citado a declarar

O xuíz José Luis Calama apunta a posíbeis delitos de descubrimento e revelación de segredos.
O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, comparecerá ante o xuíz en condición de testemuña. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, comparecerá ante o xuíz en condición de testemuña. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama citou para o próximo 5 de xullo, ás 9 horas, o ministro da Presidencia do Goberno español, Félix Bolaños, para que declare como testemuña na causa onde se investiga a espionaxe ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e aos ministros de Defensa e Interior, Margarita Robles e Fernando Grande-Marlaska —non así as intrusións sufridas por líderes independentistas cataláns—, co programa israelí Pegasus a través dos seus teléfonos móbiles.

O titular do Xulgado Central de Instrución Número 4 xa interrogou como testemuñas na pasada sexta feira a ex directora do CNI, Paz Esteban, e o funcionario dese organismo encargado de elaborar os informes sobre as infiltracións co software espía, segundo informou a sede xudicial.

O instrutor procedeu deste modo logo de que o Goberno autorizase o pasado mes de maio tanto a Esteban como aos autores dos informes do Centro Criptolóxico Nacional que acreditaron a espionaxe a Sánchez e os seus ministros para declarar, no caso de que Calama o considerase oportuno.

Aliás, o xuíz acordou ampliar a comisión rogatoria cursada a Israel para que unha comisión xudicial encabezada por el se desprace a este país para tomar declaración como testemuña ao CEO da empresa que comercializa Pegasus —NSO—. Calama xa dirixiu unha primeira comisión rogatoria ás autoridades israelíes para que a compañía informase sobre distintos extremos desta ferramenta informática.

Ademais, o maxistrado decidiu levantar o segredo das pescudas, que rexía desde o pasado 5 de maio, sen prexuízo de que poida volver decretalo se a investigación así o require.

Os informes do CNI

Calama empezou a investigar o 26 de abril, apuntando a posíbeis delitos de descubrimento e revelación de segredos, tras a denuncia presentada pola Avogacía do Estado pola infección dos móbiles do presidente do Goberno e da ministra de Defensa, unha denuncia que foi ampliada posteriormente tras confirmarse tamén a intrusión no teléfono de Grande-Marlaska.

Nesa primeira resolución, o instrutor achegou detalles sobre a denuncia inicial presentada pola Avogacía do Estado, segundo a cal, tras a análise destes dispositivos móbiles o 30 de abril, "tívose coñecemento de que os mesmos foron obxecto de varias infeccións pola ferramenta Pegasus, software espía de dispositivos móbiles, entre os meses de maio e xuño de 2021".

Os informes do Centro Criptolóxico Nacional sobre os móbiles de Sánchez e Robles puñan de relevo que "o dispositivo móbil do presidente do Goberno analizado foi infectado por Pegasus en dúas ocasións —o 19 de maio de 2021 e o 31 de maio de 2021—", mentres que o de Robles tería sido infectado en xuño dese ano. En ambos os casos, recollía Calama, os informes fixaban que "se produciu exfiltración de información", pero actualmente ningún dos dous teléfonos presenta "indicadores coñecidos de infección en curso de Pegasus".

Comentarios