Caso 'Pegasus'

Sánchez di que descoñecía a espionaxe a independentistas mais xustifícaa alegando a "crise" que supuxo o 'procès'

"Esa crise supuxo unha enorme preocupación para a seguridade nacional, é por iso que os servizos propuxeron a intervención e o xuíz aceptou", dixo o presidente do Goberno estatal.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, alegou esta quinta feira no Congreso que o Executivo "non coñece e non decide sobre as decisións operativas do CNI", para deixar claro así que "descoñecía" a espionaxe a líderes independentistas levada a cabo por Intelixencia.

Neste contexto, sinalou tamén as "dúbidas razoábeis" da metodoloxía empregada no informe de The Citizen Lab que apunta á espionaxe de 65 independentistas, limitándoo a só 18 e sinalando que a gran maioría das intervencións "foron por actores descoñecidos completamente alleos á Administración española, como foron igualmente infectados os teléfonos dos membros do Goberno".

Durante a súa comparecencia no pleno do Congreso para dar conta das intervencións telefónicas do CNI após o estoupido do 'caso Pegasus', xustificou, con todo, que os servizos secretos as fixeron tras a "crise" que supuxeron, entre 2015 e 2020, o procès, a declaración de independencia e as sabotaxes como consecuencia da sentenza do Tribunal Supremo contra os líderes independentistas.

"A crise supuxo unha enorme preocupación para a seguridade nacional, é por iso que os servizos propuxeron a intervención e o xuíz aceptou", precisou o presidente. Porén, matizou tamén que "o Goberno non coñece e non decide sobre as decisións operativas do CNI".

Isto, dixo, puido ocorrer con outro goberno, pero "xamais", recalcou, co seu. "Garántolles que non pasará", apostilou Sánchez, xustificando esta afirmación en que é a esencia da democracia e tamén a limitación do poder Executivo, así como do "sometemento á máis estrita legalidade".

Nesta liña, o presidente argumentou que a información que afecta a seguridade nacional está sometida ao control dos tribunais, perante o maxistrado do Tribunal Supremo que debe autorizar certas accións; do parlamento, coa comisión de segredos oficiais, e tamén doutras institucións, como o Defensor do Pobo.

Por outra parte, Sánchez recalcou que o Goberno de España non foi o único espiado con Pegasus e mencionou o caso doutros líderes europeos como a ex chanceler alemá, Angela Merkel —cuxo teléfono foi intervido e deu pé a unha investigación da Fiscalía alemá que, con todo, fechou por falta de evidencias—.

Tamén fixo referencia aos intentos de espionaxe ao presidente de Francia, Emmanuel Macron, e ao ex primeiro minsitro dese país, Édouard Phillipe, así como a 14 ministros do seu gabinete, e ao intento de ataque ao primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson. Sánchez mencionou estes casos con base en informacións xornalísticas, xa que ningún outro líder político europeo recoñeceu ser vítima.

Comentarios