A ONU dá 60 días ao Goberno español para informar sobre a espionaxe con 'Pegasus'

Relatores da ONU dirixíronse ao Goberno do Estado español, por mor dunha denuncia de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), para pedir que no prazo de 60 días informe sobre a presunta espionaxe levada a cabo co sistema 'Pegasus' a líderes independentistas
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Relatores da ONU dirixíronse ao Goberno do Estado español, por mor dunha denuncia de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), para pedir que no prazo de 60 días informe sobre a presunta espionaxe levada a cabo co sistema Pegasus a líderes independentistas, para que expoña como reparará os afectados, como sancionará os culpábeis e como evitará que se volva a repetir.

Así o exixiron tres relatores especiais de Nacións Unidas sobre cuestións das minorías, promoción e protección de dereito á liberdade de opinión e de expresión así como o Relator Especial sobre os dereitos á liberdade de reunión pacífica e de asociación, segundo a nota de prensa emitida esta terza feira por ERC.

Esta comunicación responde á información recibida por Nacións Unidas e enviada desde Xenebra pola secretaria xeral de Esquerra Republicana, Marta Rovira, en nome dos republicanos presuntamete espiados e en coordinación co resto de organizacións afectadas polo chamado 'Catalangate'.

No escrito que acompaña a nota de prensa de ERC, datado o 24 de outubro de 2022, os tres relatores expoñen ao Goberno que recibiron unha comunicación denunciando a presunta espionaxe mediante o uso de software espía Pegasus sobre un "amplo número de personalidades e activistas cataláns durante o período que comprende os anos 2017 e 2020".

"As vítimas dos complexos e sofisticados programas de espionaxe incluíron líderes cataláns, membros do Parlamento Europeo, lexisladores, xuristas e membros de organizacións da sociedade civil", precisan, ao tempo que lembran que este software se vende unicamente aos Gobernos, segundo o seu produtor (NSO Group, con sede en Israel).

Con el infectáronse os dispositivos electrónicos de polo menos 65 persoas.

Entre as afectadas citan Pere Aragonès, Raül Romeva, Andreu Van den Eynde, Jordi Sánchez e Marta Rovira, entre outras persoas.

Vulneración de dereitos

Tras expor os feitos, os relatores expresan a súa "preocupación moi seria" polo que "se informa como un programa de espionaxe extensa e ben coordinado sobre activistas e figuras públicas prominentes de Catalunya".

Na súa opinión, esta presunta espionaxe "parece ser unha interferencia no seu dereito para ter e expresar libremente os seus puntos de vista, intercambiar e difundir información e ideas, a reunirse pacificamente e participar en asociacións, a ter vida privada e privacidade na correspondencia, e a ser iguais ante a lei e con dereito a igual protección da lei sen discriminación algunha".

Os relatores acompañan o seu escrito cun anexo en que se recollen as "referencias ao dereito internacional dos dereitos humanos". Após disto, lembran que o seu mandato é "tentar clarificar as alegacións" que lles presentou ERC.

Comentarios