Xullo foi o mes máis cálido a nivel mundial desde que hai rexistros

Bátense as marcas de temperatura tanto no ar como no océano, chegando a superar a temperatura ambiente os 1,5ºC de diferenza coa era preindustrial que os Estados do mundo puxeran como límite de quecemento.
Fogo forestal en Chipre. (Foto: Kostas Pikoulas / Zuma Press Wire / DPA)
photo_camera Fogo forestal en Chipre. (Foto: Kostas Pikoulas / Zuma Press Wire / DPA)

Finalmente, o Servizo de Cambio Climático de Copernicus, un programa da Unión Europea (UE), certificou a terza feira algo do que a comunidade científica estivo a alertar nas últimas semanas: o pasado mes de xullo foi o máis cálido detectado tanto no ar como na superficie do océano desde a aparición de medidas fiábeis do clima a nivel mundial.

Ademais, do 3 ao 31 de xullo todos os días estiveron por riba do récord anterior de temperatura global, de 16,8ºC. Nese sentido, as e os climatólogos agrupados en World Weather Attribution alertaran de que podía ser o mes máis quente en 120.000 anos.

De feito, os datos indican que a temperatura media do planeta superou o mes pasado os 1,5ºC de diferenza con respecto á media das temperaturas entre 1850 e 1900, que se toman como estimación da era preindustrial. Esta cifra é o límite a partir do que se prevén modificacións extremas do clima, polo que non superala é un dos eixos dos acordos para conter o cambio climático dos distintos cumios sobre esta cuestión da Organización das Nacións Unidas.

“É pouco probábel que o récord de xullo permaneza illado este ano”, explica Carlo Buontempo, director do Servizo de Cambio Climático, que adianta que os prognósticos sinalan que “é probábel que as temperaturas nas áreas terrestres estean moi por riba da media”. Asemade, lembra que as emisións de gases de efecto invernadoiro provocadas polo ser humanos son o principal impulsor do aumento de temperatura.

Pola súa parte, Samantha Burgess, directora adxunta da entidade, fixo fincapé en que “estes récords teñen consecuencias nefastas tanto para as persoas como para o planeta, expostos a eventos extremos cada vez máis frecuentes e intensos”. A comunidade científica sostén que para mitigar os efectos do cambio climático é preciso reducir de forma drástica a queima de combustíbeis de orixe fósil.

Na superficie do mar, a temperatura media foi até medio grao superior que os rexistros entre os inicios da década de 1990 e 2020, o que se eleva a máis dun grao no caso do Atlántico Norte, con ondas de calor na auga desde Groenlandia ao mar Mediterráneo pasando polo Caribe.

Outro dos elementos que revela o informe de Copernicus é que mentres México, parte de Asia ou a bacía do Mediterráneo tiveron un clima máis seco que a media de anos anteriores, no norte de Europa, o nordés da China ou de América do Norte as estatísticas apuntan a un aumento da humidade.

Comentarios