martes 04/08/20

A volta á normalidade non ten data e será progresiva

Exixen ao Goberno español a manter a parálise da actividade laboral
A Comisión de Sanidade, reunida na cuarta feira 8 de abril no Congreso (Imaxe: Europa Press)
A Comisión de Sanidade, reunida na cuarta feira 8 de abril no Congreso (Imaxe: Europa Press)

O Goberno estatal avisa de que "non hai data de volta á normalidade" e de que esta estará condicionada a unha redución da pandemia. Así o asegurou nesta cuarta feira, 8 de abril, o ministro de Transportes, José Luis Ábalos. "O 26 de abril conclúe a prórroga do estado de alarma", afirmou, sinalando que iso non implica que haxa unha volta inmediata á cotiandade.

Desta maneira Ábalos emendou as afirmacións realizadas no mesmo día pola minista de Facenda e portavoz do Executivo, María Jesús Montero, nas que deu a entender que a partir do 26 se volvería á normalidade. 

Sobre a fin da vixencia do decreto do Goberno español que ordenaba paralizar a actividade non esencial e, por tanto, ante a reapertura de portas en moitos sectores da economía a vindeira segunda feira, Ábalos advertiu que as empresas deberán facer plans de prevención para esa nova fase.

O BNG insta a manter o confinamento total 

Na Comisión de Sanidade que tivo lugar na cuarta feira no Congreso dos Deputados, onde o ministro Salvador Illa informou da evolución da pandemia e da acción do Goberno estatal, varias formacións soberanistas como o Bloque Nacionalista Galego, EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya pediron manter o confinamento total da poboación e non retornar á actividade laboral. 

Rego cualificou de "irresponsabilidade" que o Goberno español poña fin á parálise da actividade laboral non esencial

O deputado do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, sinalou que a decisión tomada polo Goberno de paralizar a actividade non esencial foi "necesaria" pese "a chegar tarde" para frear o contaxio entre as traballadoras e traballadores.

Por tal motivo lamentou que, segundo "parece evidente, a fin da medida non se toma con criterios científicos para evitar a perda de vidas, senón que se apoia en criterios económicos". Tornar á actividade é para Rego "moi  arriscado" porque pode causar "unha volta atrás na loita contra a infección e porque pon en risco as traballadoras e traballadores xa que se carece ademais  dun plan de desconfinamento".  

O nacionalista cualificou de "irresponsabilidade" que o Goberno obrigue a retornar aos postos de traballo e, en todo caso, exixiu o reparto de materiais de protección a toda a poboación, a realizacións de tests masivos e instou a que o Executivo clarifique se recomenda ou non o uso de máscaras. 

A OMS pide restricións

Esta cuarta feira, Hans Kluge, director da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, instou aos Estados da UE a "non levantar demasiado cedo as restricións" de isolamento social e o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades considerou que "actualmente é demasiado pronto" para empezar a retirar as medidas de distanciamento comunitario e físico postas en marcha. 
 

comentarios