BNG aposta por limitar o prezo dos produtos sanitarios básicos

O BNG demanda o estabelecemento de límites para os prezos dos produtos sanitarios básicos fronte “a especulación” e a falta de material, e aposta pola creación dunha empresa pública que garanta os subministros. Ademais, Ana Pontón anunciou que, unha vez se recupere a normalidade, pedirá unha comisión de investigación para esclarecer responsabilidades ante a situación crítica en residencias de maiores por mor da extensión do coronavirus en moitos destes centros.
2020040813500216675
photo_camera 2020040813500216600

Intervir os prezos dos produtos sanitarios que son básicos na loita contra o coronavirus, pediu a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, nesta cuarta feira, 8 de abril.

A líder do BNG, nunha rolda de prensa telemática, puxo o foco sobre o incremento exponencial dos prezos dos produtos sanitarios esenciais no combate contra a pandemia.

Esa suba dos custos atribuíuna Pontón “á especulación de empresas que queren sacar tallada da crise” e á incapacidade de garantir o auto abastecemento de materiais como luvas, máscaras ou líquidos desinfectantes, sinalando que se teñen cuadriplicado os seus custo.

Por tal motivo, o Bloque quere que se interveña o prezo deses produtos, potestade que se recolle no propio Real Decreto do estado de alarma, recordou Pontón, que sinalou que, por exemplo, o xel antiséptico estaba entre os 2 e 6 euros e alcanza agora os 25, mentres que caixas de cinco unidades de máscaras filtrantes pasaron de custar 8 euros a 26, e o litro de alcol subiu de 2,25 euros a 9.

A voceira do Bloque cualificou esta situación de “inadmisíbel” e demandou ao Goberno central “que interveña os prezos destes produtos tanto en orixe como na venda ás persoas consumidoras para evitar o incremento abusivo e que o prezo sexa unha barreira para a súa adquisición, pois estamos falando da saúde da poboación”, remarcou.

"Propoñemos pór en marcha unha estratexia para crear empresas que produzan material sanitario", dixo Pontón

A carestía dos produtos tamén se debe, dixo Pontón, ao desabastecemento destes produtos que obriga a ir ao mercado internacional, unha consecuencia da deslocalización contra á que o BNG propón crear unha empresa pública galega que teña como fin a produción e abastecemento deste tipo de produtos.

Nese sentido, a voceira do Bloque considerou que “a deslocalización da produción acaba por ser un grave problema en crises como esta e para non repetir a situación no futuro propoñemos pór en marcha unha estratexia para crear empresas que produzan material sanitario como respiradores, luvas, batas, lentes protectores, rachando coa dependencia do mercado internacional”.

Ademais, Pontón tamén avogou por “completar o mercado privado cunha empresa pública que teña como finalidade producir material sanitario”. A líder nacionalista tamén pediu que se “monotoricen” os prezos doutros produtos, por exemplo, na alimentación e os combustíbeis, “estes últimos con descensos importantes que non se trasladan ás gasolineiras”, subliñou.

Pontón pedirá a creación dunha comisión de investigación sobre residencias

Ante o importante número de contaxios de coronavirus en residencias de maiores, o BNG demanda a comparecencia urxente do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento e reclama tamén unha investigación interna por parte da Consellaría de Política Social. Nese sentido, Pontón anunciou que vai solicitar a creación dunha comisión parlamentaria de investigación unha vez recuperada a normalidade.

“Vemos nalgunhas residencias que máis de 90% das persoas usuarias están contaxiadas, o que implica que non se adoptaron as medidas preventivas necesarias”, critica Pontón, ao tempo que valora como “sorprendente” que non haxa ningunha sanción a ningunha das empresas nas que se teñen producido estes casos, “polo que agardamos que a Xunta non estea protexendo aos donos desas empresas en lugar de estar protexendo a saúde das persoas maiores”, argumentou.

Anticipación, transparencia e plan de choque

A líder do BNG reiterou publicamente o seu recoñecemento ao persoal das residencias e volveu exixir “anticipación” ao Goberno “porque segue a cadea de contaxios neses centros”, e reiterou a batería de propostas que trasladou o Bloque ao Executivo galego, e que contempla un plan de choque que inclúa a intervención de todas as residencias privadas, acelerar as probas para detectar focos de coronavirus, garantir material de protección para o persoal, transparencia total no cómputo de contaxiados e persoas falecidas, e información ás familias, “ás que se lles debe permitir facerse cargo das e dos seus maiores se contan coas condicións para salvagardar a súa saúde, sen que ese traslado puntual implique perder a praza no centro”, recordou Pontón.

Pontón foi especialmente crítica coa situación dalgunhas residencias privadas afectadas por un contaxio masivo, como é o caso dos centros de Domus Vida e da Fundación San Rosendo e insistiu na urxencia de tomar medidas tanto nos centros de maiores como tamén nos centros que atenden a persoas con discapacidade.

Comentarios