Néstor Rego pide no Congreso "blindar" Galiza e pechar Madrid para evitar "centrifugar" o contaxio

O deputado do BNG, Néstor Rego, reiterou esta mañá no Congreso a necesidade de illar os principais focos de contaxio de coronavirus e, neste sentido, chamou a "pechar Madrid" para evitar "centrifugar o contaxio" polo territorio estatal, así como a "blindar" o territorio galego. 
2020031812143793675
photo_camera Rego, nunha comparecencia no Congreso (Europa Press)

"Na Galiza é un clamor", sinalou o deputado, durante o primeiro pleno que se realiza desde o decreto do estado de alarma, o pasado sábado, e no que referendou a disposición do BNG de "colaborar" co Goberno central nesta crise, aínda cando as medidas adoptadas se consideren "insuficientes".

Segundo indicou o nacionalista, "14 dos 15" primeiros casos positivos de coronavirus detectados en Vigo "estaban relacionados con Madrid".  "Unha ve pechada a fronteira sur —con Portugal—, corresponde facelo coa fronteira leste", observou, dentro das propostas que o BNG trasladou ao Goberno do Estado, e na liña de medidas como as adoptadas nas Baleares.

Apoiado sobre criterios "expertos", Rego lembrou que "cortar a mobilidade é a mellor maneira de cortar a cadea de transmisión" da doenza, e sinalou que os traslados "non poden deixarse á decisión individual", senón que teñen que seguir razóns de "funcionalidade" e "eficacia". "Eu mesmo decidín permanecer aquí en Madrid, e así vou continuar, pero podería ter collido un avión a Compostela", censurou. 

Na súa intervención, Rego censurou tamén a "centralización" que representa o estado de alarma e chamou á "cooperación" interterritorial. "Non se mellora subtraendo competencias a quen ten mellor coñecemento da súa propia realidade", considerou, e subliñou a "confianza" das e dos galegos nos seus equipos profesionais sanitarios. 

Así mesmo, exixiu que as probas da enfermidade se fagan "masivamente" e chamou á paralización "de toda a actividade económica que non sexa imprescindíbel", antes de reclamar do Goberno medidas para garantir "o mantemento do emprego e dos dereitos laborais, no canto de promover os ERTE". 

Neste sentido, cualificou de "insuficientes" as medidas adoptadas no tocante á protección dos sectores máis desfavorecidos, autónomos e traballadoras, e lanzou unha serie de propostas, a comezar pola condonación do pago das hipotecas un mínimo de catro meses "con cargo ao rescate bancario non recuperado. "É tempo de que reverta en beneficio público", demandou.

Tamén solicitou apoio ao traballo autónomo e ao pago do alugueiro, así como no custo de servizos básicos como auga e electricidade. "Hai que implementar medidas para garantir que esta crise non a paguemos, unha vez máis, as mesamas", concluíu. 

 

Comentarios