luns 06.07.2020
Internacional

O Goberno solicita prorrogar o estado de alarma até o 25 de abril

Pedro Sánchez decidiu este sábado solicitar unha nova prórroga do estado de alarma até o vindeiro 25 de abril e avanza que non serán "só" 15 días máis. 
Pedro Sánchez.
Pedro Sánchez.

O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, anunciou este sábado que solicitará unha nova prórroga do estado de alarma até o próximo 25 de abril, inclusive, após escoitar as recomendacións do grupo de científicos que asesora ao seu Executivo e despois de reunirse co Comité Técnico de Xestión do coronavirus.

Trátase da segunda prórroga de 15 días que pedirá o presidente ao Congreso das Deputadas, cuxa autorización se necesita para que o actual estado de alarma, que caduca o 12 de abril, se amplíe até case a fin do mes de abril. 

"Os expertos pronostican que unha vez pasado o pico de contaxios estaremos en condicións de dobregar esa curva epidémica", salientou Sánchez, quen indicou que "o único coñecemento está na ciencia" e que o seu Executivo seguirá guiándose por ela. 

"O obxectivo é lograr que o número de novos contaxios sexa menor que o de enfermos curados da COVID-19. E para alcanzar ese novo obxectivo precisamos máis tempo. O Consello de Ministras do vindeiro martes solicitará unha prórroga por dúas semanas ao Congreso, para ir do 12 de abril até as doce horas da noite do vindeiro 25 de abril", trasladou o presidente. 

"Necesitamos manter todas as medidas en vigor dúas semanas máis", apuntou, para engadir que non se refire ás limitacións estabelecidas excepcionalmente durante a Semana Santa a respecto da actividade económica. "Para moitos son os días máis difíciles da nosa vida", afirmou. 

Con todo, asegurou que "imos coñecendo o virus" e certificou que tomou a decisión de solicitar esta segunda prórroga após escoitar aos científicos que asesoran ao Goberno: "Podemos dobregar a curva e frear o colapso dos hospitais. O que todos desexamos é manter a raia o virus". 

Así, Sánchez abundou que "debemos estar listos para a desescalada", pois sinalou que "non será máis suave o descenso" desta curva de contaxios. Por iso, pediu responsabilidade para "non desatar unha nova onda" de contaxios nestes días e manter "o sacrificio, a resistencia e a moral de vitoria".

Nesa segunda etapa da que falou o presidente chegará a "reconstrucción da economía" do Estado. "O Goberno está pensando no medio prazo, no que haberá que facer despois de vencer a curva", incidiu, "estamos elaborando un plan para reanudar de maneira progresiva a actividade económica e social". Este plan contén novas medidas de "hixiene, sanitarias e tecnolóxicas" que haberá que aplicar na volta á actividade. 

Non serán "só" 15 días

"Son consciente de que estou creando un precedente e hai que rendir contas diante do Congreso para que se posicione a respecto da prórroga do estado de alarma. Estou cumprindo co que di a Constitución e a lei. Isto significará que en tres semanas terá rematado todo? Non", afirmou. "Pero o estado de alarma non ten que ser o mesmo que agora", apuntou. 

Todo dependerá da "eficacia" das medidas adoptadas e de que o "cumprimento" se manteña en niveis altos. "Virán máis días de estado de alarma, pero non será igual: iremos recuperando as nosas vidas", dixo. 

O presidente do Goberno estatal insistiu en que actuarán con "enorme empatía social" e a "maior das precaucións" para "non dar nin un paso atrás no ámbito da contención".

Europa "non pode fallar"

Desta maneira, Pedro Sánchez fixo un chamado a "poñer en marcha un verdadeiro plan Marshall de reactivación" na Unión Europea, após facer comparacións co sucedido após a Segunda Guerra Mundial. "Europa non pode fallar esta vez", certificou, "ten que protexer á súa cidadanía".

"Temos que ser conscientes de que non podemos dar resposta só desde os Estados, temos que facelo desde un punto de vista solidario común. Así o trasladarei aos meus colegas europeos na vindeira reunión", avanzou. 

"Estamos diante da gran crise das nosas vidas", aseverou Sánchez, quen confirmou que despois desta crise sanitaria haberá que pensar nuns "novos pactos da Moncola" entre todas as forzas políticas con representación no Estado. 

124.736 contaxios no Estado

Os casos positivos de coronavirus no Estado eleváronse este sábado a 124.736 contaxiados, 11.744 falecidos e 34.219 curados, segundo os últimos datos achegados polo Ministerio de Sanidade.

Así mesmo, case tres semanas despois de que o Goberno decretase o estado de alarma para facer fronte á expansión de coronavirus, os datos seguen aumentando no que respecta a os pacientes que ingresan nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Así, en todo o Estado están ingresadas 6.532 persoas, que supoñen 116 persoas máis.

comentarios