Alerta sanitaria pola varíola do mono: o Estado español, á cabeza de Europa en contaxios

A Comunidade de Madrid confirmou 30 casos de varíola non humana e outros 15 sospeitosos. O Ministerio estuda a vacinación preventiva dos contactos estreitos e a OMS pide illar os positivos.
Os casos activos descenden este sábado na Galiza (Foto: Nito)
photo_camera A Comunidade de Madrid confirmou sete casos de varíola do mono, 23 de varíola non humana pendente de analizar e outros 15 sospeitosos a maiores. (Foto: Nito)

O Estado español lidera o cómputo de casos positivos de varíola non humana no continente europeo. Así, até o momento actual confirmáronse 30 positivos mediante proba PCR —o mesmo procedemento que coa Covid-19— e outros 15 son sospeitosos á espera de seren secuenciados.

Todos eles rexistráronse na Comunidade de Madrid, mentres o Goberno de Canarias informou doutro posíbel caso, aínda non confirmado.

En concreto, as análises que está a levar a cabo o Instituto de Saúde Carlos III confirmaron sete casos positivos especificamente por varíola do mono e outras 23 mostras deron positivo a varíolas non humanas por proba PCR, e agora deberán secuenciarse para ratificar se se trata precisamente da variedade que provén dos simios.

Detección e transmisión da varíola do mono

A PCR permite un diagnóstico diferencial da familia de ortopoxvirus —hai 4 tipos—, e logo a secuenciación permite determinar se é ou non a varíola do mono. Na Comunidade de Madrid, as autoridades puxeron en marcha tras a detección dos posíbeis casos unha estratexia de rastrexo e vixilancia para detectar os contactos estreitos dos primeiros casos detectados.

Así se puido determinar que un dos focos da orixe do virus está asociado a unha sauna, coa que gardan relación a maioría dos positivos. En xeral, a transmisión da varíola do mono é respiratoria, mais dadas as características dos casos sospeitosos na rexión, a Comunidade apuntou que a transmisión apunta a ser por contacto con mucosas durante as relacións sexuais.

Illar e rastrexar os positivos

O pasado 15 de maio o Reino Unido lanzou unha alerta sanitaria á Organización Mundial da Saúde (OMS), de acordo co regulamento sanitario internacional, após detectar os catro primeiros casos en Europa —nove na actualidade—. Posteriormente Portugal notificou unha vintena de positivos e outros países como os EUA, Canadá, Australia, Suecia, Alemaña, Italia ou Bélxica tamén rexistraron contaxios.

Após recibir esta alerta, a OMS instou os países que detecten casos a promover o rastrexo e illamento dos seus respectivos contactos estreitos, a fin de deter a transmisión.

Vacinas contra a varíola común

O Ministerio de Sanidade anunciou esta quinta feira que está a valorar e analizar distintas opcións terapéuticas para tratar a varíola do mono, tales como antivirais e vacinas, en función da súa viabilidade e efectividade.

Actualmente a Axencia Europea do Medicamento non ten ningunha vacina específica autorizada contra a varíola do mono. Porén, o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC, en inglés) instou esta quinta feira os países da UE a administrar o fármaco tradicional contra a varíola aos contactos estreitos.

Aliás, un informe publicado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, dependente do Ministerio de Sanidade, avisou de que "non se pode excluír" a transmisión da varíola do mono a outros grupos poboacionais, malia que actualmente só se detectou en homes que mantiveron relacións con outros homes.

"No contexto actual non se pode descartar a detección de máis casos asociados a esta alerta identificados mediante a procura activa que se realiza nos servizos sanitarios. Até o momento, unha elevada porcentaxe destes casos son homes que tiveron relacións en contextos sexuais de risco, aínda que non se pode excluír a súa transmisión noutros grupos poboacionais", sinala o documento.

Unha nova pandemia?

Porén, a catedrática de Epidemioloxía da Universidade Europea de Valencia Patricia Guillem descartou esta sexta feira, en declaracións a Europa Press, que o gromo epidémico de varíola do mono chegue a unha transmisión comunitaria xa que para contaxiar esta enfermidade "sería necesario un contacto estreito que se tería que vehiculizar por líquidos desde o sangue a fluídos sexuais".

Esta experta que tamén considera que o actual surto poderíase chegar a controlar "perfectamente" coas ferramentas de vixilancia epidemiolóxica dispoñíbeis sen chegar a "xerar unha alarma social pero mantendo a precaución".

Comentarios