A OMS insta a rastrexar e illar os positivos de varíola do mono

No Estado español xa se confirmaron sete positivos e hai unha trintena máis sospeitosos.
Esta enfermidade rara provén dos simios. (Foto: Europa Press)
photo_camera Esta enfermidade rara provén dos simios. (Foto: Europa Press)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de facer un chamamento para que se rastrexen os contactos das persoas contaxiadas da varíola do mono, por mor da vaga de casos desta rara enfermidade nun número cada vez maior de países, os máis recentes o Estado español, Portugal, Italia, Suecia e os Estados Unidos.

De feito, a Comunidade de Madrid mantén os sete primeiros positivos confirmados na cuarta feira polo Ministerio de Sanidade e suma agora outros 28 sospeitosos, alén doutro en Canarias. En Portugal hai unha vintena de contaxios.

Se se sospeita de padecer a varíola do mono, os pacientes deben ser illados, recomenda o organismo sanitario, preocupado polo rápido espallamento desta doenza.

Síntomas

O período de incubación da varíola do mono é de entre 6 e 16 días, malia que pode oscilar de 5 a 21. A infección ten, segundo explica a Organización Mundial da Saúde (OMS), dúas fases. A primeira, de "invasión", que se caracteriza pola febre, cefalea intensa, dor lumbar, dor muscular e falta de enerxía.

O período de erupción cutánea —entre 1 e 3 días despois do inicio da febre—, cando aparecen as distintas fases do exantema, que polo xeral afecta primeiro o rostro e logo esténdese ao resto do corpo.

As zonas máis afectadas son o rostro —95% dos casos—, as palmas das mans e as plantas dos pés —no 75% dos casos—. A eliminación completa das costras pode tardar até tres semanas.

Esta variedade da varíola, propia dos simios, transmítese aos seres humanos a través de diversos animais salvaxes, como roedores e os propios primates, mais ten unha propagación secundaria limitada de persoa a persoa.

Comentarios