Pontevedra será, por dous anos, a nova sede dos Premios Feroz

A cidade acollerá a gala en 2025 e 2026
premios feroz pontevedra
photo_camera María Guerra e Fernández Lores, no centro da foro (Foto: Concello de Pontevedra)

Os Premios Feroz celebraranse en Pontevedra en 2025 e 2026, despois do acordo acadado entre a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) e o Concello da Boa Vila. O anuncio realizárono na mañá desta terza feira a presidenta da AICE, María Guerra, e o rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Hoxe é un gran día para Pontevedra e para a Galiza", destacou Fernández Lores, que celebrou que a cidade "será vangarda e será epicento da cultura e do talento" dun sector audiovisual que é un "motor de enorme relevancia".

Segundo Fernández Lores, os Premios Feroz "encaixan en Pontevedra á perfección"e permitirán unir turismo, cultura e economía, desetacionalizando o turismo e proxectando unha "visión compartida" que irá máis aló dos premios, xa que ademais da celebración da propia gala de entrega, os Feroz organizarán unha ampla programación de charlas, coloquios, obradoiros, clases maxistrais e outras actividades que se desenvolverá nos meses previos á gala.

María Guerra incidiu na importancia que tiña para os premios Feroz desembarcar na Galiza, citando a varias creadoras galegas que están obtendo grandes triunfos internacionais, desde Lois Patiño e Oliver Laxe até Jaione Camborda. Nese sentido, explicou, os premios Arrebato, dedicados á produción audiovisual máis experimental e arriscada, atopan na Galiza o seu lugar.

Segundo Guerra, a chegada dos premios á cidade permite estabelecer un diálogo entre as persoas creadoras e a sociedade, para debater sobre os problemas que afectan a todas. Nese sentido, tamén apelou á ampla programación cultural na que público, prensa e industria poderán atopar un punto de encontro.

A cerimonia de entrega dos premios acollerá unha mil persoas, que se reunirán no Pazo de Congresos de Pontevedra para descubrir as gañadoras das 21 categorías, nun formato de cea de gala. Fernández Lores, insistindo en que a celebración dos Feroz supera os límites do local, desvelou que está en conversas con outras administracións, especialmente cos concellos limítrofes, para facerse cargo da infraestrutura que precisa un evento desta natureza.

Os Premios Feroz son uns galardóns que entrega anualmente a Asociación de Informadores Cinematográficos de España desde 2014 para destacar o mellor da produción audiovisual no Estado do ano, tanto en cinema como en televisión. Inicialmente expuxéronse como premios estritamente cinematográficos, maisdes de a IV edición os galardóns ampliáronse tamén ao sector televisivo, o que acabou valéndolles o alcume de “os Globos de Ouro españois”.

Comentarios