Os militares ucraínos por agora non logran avances na contraofensiva

Sete líderes africanos presentarán a súa iniciativa de paz a vindeira semana aos presidentes de Ucraína e Rusia.

Inundacións en Khersón. (Foto: Nicolas Cleuet / Europa Press / Contacto)
photo_camera Inundacións en Khersón. (Foto: Nicolas Cleuet / Europa Press / Contacto)

A pesar de que Ucraína segue sen confirmar o comezo da súa contraofensiva, o consenso cada vez é maior sobre o inicio das operacións. O estadounidense Instituto para o Estudo da Guerra confirmou ese extremo e desvelou a sexta feira que os militares ucraínos desenvolven accións ofensivas en cando menos tres sectores da fronte de guerra nas rexións de Donetsk e Zaporijia.

Alí, as tropas ucraínas lograron avances tácticos mais lonxe dos resultados agardados, apunta a entidade. Aliás, medios especializados detallan que en Zaporijia, onde se concentrou o groso dos combates nas últimas horas, as forzas de Kíiv conseguiron avanzar arredor de 2 km en campo aberto, así e todo, o Exército ruso recuperou Robotyne, a única vila que Ucraína foi quen de tomar nos primeiros días da contraofensiva.

Mentres as autoridades ucraínas apenas ofrecen información máis alá de sinalar que gañaron terreo en Bakhmut, no medio do silencio informativo imposto pouco antes do inicio das operacións militares, Moscova sostén que freou todos os intentos ucraínos de rachar as súas liñas de defensa.

Pola súa parte, fontes do Departamento de Defensa dos Estados Unidos trasladaron que as Forzas Armadas ucraínas sufriron “perdas significativas” nos combates das últimas xornadas.

A contraofensiva ucraína determinará en boa medida o grao de axuda no futuro dos Estados Unidos, o principal provedor de armas de Kíiv e líder da Organización do Tratado do Atlántico Norte, que xa entregou máis de 70.000 millóns de euros en armamento aos militares ucraínos.

Politico afirma que se Ucraína ten éxito “a axuda militar e económica occidental fluirá”. De non ser así “é probábel que ese apoio se esgote, provocando un aumento das peticións dunha resolución diplomática acelerada”. Esta perspectiva foi apoiada por Mark Esper, ex secretario de Defensa de Washington.

En paralelo, continúan as operacións de rescate das persoas afectadas pola destrución dun encoro no río Dniéper, que marca nesa zona a división entre o territorio controlado por Kíiv e por Moscova. Confirmouse que 13 persoas faleceron nas inundacións posteriores á ruptura da presa.

Ao tempo, fíxose público que a vindeira semana os líderes de Suráfrica, Exipto, Comores, Congo, Uganda, Senegal e Zambia viaxarán a Ucraína e Rusia como parte da iniciativa de paz que impulsan. O 16 de xuño presentarán a súa proposta ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e un día despois ao ruso, Vladimir Putin.

Comentarios