Putin declara a lei marcial en Donetsk, Lugansk, Khersón e Zaporijia

"As autoridades de Kíiv negáronse a recoñecer os resultados dos referendos e rexeitan calquera proposta de negociacións", xustificou o presidente ruso.
Vladimir Putin, no Kremlin. (Foto: Mikhail Klimentyev / Planet Pix / DPA)
photo_camera Vladimir Putin, no Kremlin. (Foto: Mikhail Klimentyev / Planet Pix / DPA)

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, decretou na mañá desta cuarta feira a introdución da lei marcial nas rexións de Donetsk, Lugansk, Khersón e Zaporijia, adheridas recentemente ao territorio ruso en senllos referendos cuxa validez non foi recoñecida por boa parte da comunidade internacional.

Precisamente este foi o punto alegado por Putin para declarar a lei marcial na zona, pois, dixo, "as autoridades de Kíiv negáronse a recoñecer os resultados dos referendos e rexeitan calquera proposta de negociacións", mentres "seguen a realizar ataques con métodos francamente terroristas".

"Frustramos atentados noutras rexións de Rusia, en particular nos lugares de masiva concorrencia de persoas, contra instalacións de transporte, enerxéticas... Entre as que quero destacar as de enerxía nuclear", afirmou, en referencia ao cruzamento de acusacións que protagonizaron nas últimas horas Rusia e Ucraína sobre os ataques en Energodar, onde se atopa a planta máis grande de Europa.

Moscova revindica o seu "dereito" a aplicar "todas" as súas leis sobre as rexións anexionadas porque, sinalou, "continúan os bombardeos e os civís seguen morrendo" nestes lugares.

De feito, a primeira hora do día as autoridades prorrusas da cidade de Khersón ordenaron á poboación civil abandonar esta capital rexional ante o inminente inicio dunha "gran batalla" que tamén dan por asegurada desde Kíiv.

Esta terza feira, o comandante das Forzas Armadas rusas en Ucraína, Sergei Surovikin, recoñeceu que a situación na rexión é "tensa", dado que, dixo, "as tropas ucraínas non cesan no seu empeño de atacar as posicións das tropas rusas", nomeadamente en Kupiansk, Kharkiv e Mikolaiv.

"O inimigo é un réxime criminal que empuxa aos cidadáns de Ucraína á morte. Os ucraínos e nós somos un só pobo e queremos unha cousa: que Ucraína sexa un Estado amigo de Rusia e independente de Occidente e da OTAN", engadiu.

Comentarios