xoves 16/09/21

Os talibán advirten de "consecuencias" se os EUA e a OTAN adían a súa saída

Centos de muxahidín viaxan desde Kabul ao val de Panjshir, derradeiro bastión de resistencia.
EuropaPress_3895508_illustration_picture_shows_the_arrival_of_chartered_air_belgium_airplane
Refuxiados afgáns tras aterrar onte no aeroporto militar de Melsbroek, ao nordeste de Bruxelas. Bélxica é país membro da OTAN (Foto: Belga / dpa)

O Goberno talibán non aceptará unha prórroga da permanencia das tropas dos Estados Unidos e da OTAN no Afganistán máis alá da data acordada en Doha do 31 de agosto. Así o fixo saber Suhail Shaheen, portavoz do grupo e un dos membros da delegación desprazada á capital de Catar, onde se desenvolven desde hai meses as conversas de paz. 

En declaracións onte á cadea de TV británica Sky News, Shaheen manifestou que unha decisión neste sentido suporía unha "extensión da ocupación" e cruzar unha "liña vermella", algo que o novo Executivo afgán non está disposto a tolerar, advertindo de "consecuencias". 

O presidente estadounidense, Joe Biden, afirmou o domingo que non desbotaba a posibilidade de prorrogar a saída para conseguir evacuar as ducias de miles de persoas que tentar fuxir desde o aeroporto de Kabul. Segundo informou onte a Casa Branca, EUA evacuou arredor de 10.400 persoas nas 24 horas previas (un total de 37.000 desde o 14 de agosto).

A OTAN tamén informou da morte de polo menos 20 persoas dentro e nos arredores do aeroporto desde que os talibán se fixeron co control da capital o 15 de agosto. Nas últimas horas, segundo recolleu a canle de TV Al Jazeera, produciuse un tiroteo entre homes armados sen identificar, forzas afgás e soldados alemáns e estadounidenses, que se saldou cun falecido e tres feridos.

G7 e Rusia

O G7, o grupo das sete democracias liberais máis industrializadas do mundo, manterá hoxe unha reunión para analizar a situación, segundo informou en Twitter o seu convocador, Boris Johnson. "É vital que a comunidade internacional traballe xunta co fin de lograr evacuacións seguras, previr unha crise humanitaria e apoiar o pobo afgán para garantir o conseguido nos últimos 20 anos", escribiu o primeiro ministro británico.

Londres quere convencer a Washington ─e a Berlín e a París─ de que se dea a prórroga, segundo manifestou o ministro de Defensa británico, James Heappey, nunha entrevista na emisora de radio LBC. Non obstante, recoñeceu que aínda que haxa consenso no seo do G7, cumprirá contar co permiso do Goberno talibán.

Vladimir Putin, o presidente de Rusia, exmembro do G7 ─G8 até que foi expulsado en 2014 pola anexión de Crimea─ tamén mantivo onte unha reunión multilateral con líderes de Asia Central. Alí insistiu na importancia de que o "islamismo radical" non se estenda pola rexión. Tamén, de que se controle o tráfico de drogas.

Segundo recolleu a axencia de noticias rusa TASS, na véspera criticou a idea dos Gobernos occidentais de recolocar os refuxiados afgáns nos países veciños (exRepúblicas soviéticas, na zona de influencia rusa) mentres os seus visados para os EUA ou a UE non son tramitados. Non queremos "milicianos [islamistas] aquí camuflados de refuxiados", defendeu Putin, criticando que o visado só sexa unha exixencia para Occidente cando se trata das súas propias fronteiras.

Ademais, Rusia advertiu do "risco do rexurdimento dunha guerra civil no Afganistán", segundo manifestou onte Dmitry Peskov, portavoz do Kremlin. "Evidentemente ninguén ten intención de intervir nestes acontecementos", engadiu, subliñando porén "os perigos e ameazas adicionais" que supón.

Bastión Panjshir

Neste sentido, o movemento talibán comunicou a través da súa conta de Twitter que "centos de muxahidín do Emirato Islámico" se dirixen á rexión do val de Panjshir para tomar o control, "logo de as autoridades negárense a entregalo pacificamente".

Este é un dos últimos bastións da resistencia anti-talibán no Afganistán, tal e como aconteceu durante o período 1996-2001. A zona ao norte de Kabul está controlada por Ahmad Massoud, que nas últimas horas manifestou a súa vontade de dialogo. "Queremos que os talibán entendan que a única maneira será a través da negociación", sinalou en conversa telefónica coa axencia Reuters

"Non queremos que estale a guerra", asegurou o fillo de Ahmad Shah Massoud, un dos líderes da resistencia anti-soviética na década de 1980, avogando por un Goberno en Kabul que represente a diversidade étnica afgá. Con todo advertiu de que as súas tropas están preparadas para combater: "Queren defenderse, queren pelexar, queren resistir contra calquera réxime totalitario". 

comentarios