20 falecidos intentando escapar de Kabul, ao tempo que os talibán procuran completar a conquista de Afganistán

As escenas dun aeroporto de Kabul ateigado non cesan oito días despois da toma da cidade polos talibán, con 20 persoas falecidas confirmadas. Tampouco as evacuacións, mentres os novos gobernantes intentan contentar a comunidade internacional e completar o seu dominio sobre Afganistán.
Membros do Exército británico no aeroporto de Kabul esta sexta feira. (Foto: Ministry Of Defence Via PA Med / DPA)
photo_camera Membros do Exército británico no aeroporto de Kabul esta sexta feira. (Foto: Ministry Of Defence Via PA Med / DPA)

Cando menos 20 persoas morreron no aeroporto de Kabul, capital de Afganistán, nos pasados oito días, desde que os talibán entraron na cidade e desataron un intento masivo de saír do país pola única vía accesíbel, segundo transmitiu a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

A tentativa de centos de persoas por superar os muros do aeródromo local, resgardado por controis dos talibán nas estradas que o conectan coa urbe, levou a varias avalanchas de persoas. Noutros casos, persoas que intentaron subir aos avións morreron ao caer despois do despegue.

O sábado, o Ministerio de Defensa do Reino Unido daba veracidade a cifra de sete persoas mortas ese mesmo día nas inmediacións da instalación. Catro delas mulleres, que perderon a vida nunha das avalanchas, desvelan medios británicos.

A situación na zona levou a Embaixada dos Estados Unidos (EUA) no país centroasiático a aconsellar os seus cidadáns que eviten ir ao aeroporto, polas “posíbeis ameazas á seguridade”.

Onte, a Organización Mundial da Saúde e Unicef reclamaron un salvoconduto “sen obstáculos para entregar medicamentos e outras subministracións que salvan a vida a millóns de persoas que precisan axuda, incluídas 300.000 persoas desprazadas só nos últimos dous meses”.

Na última semana, os EUA evacuaron 25.100 persoas, sinalan fontes oficiais. Para acelerar as tarefas, o Departamento de Defensa dos EUA ordenou a seis compañías de aviación comercial que deixen 18 avións para a operación.

Para os talibán, que tratan de contentar a comunidade internacional, o país, baixo o seu control, está “seguro e protexido, pero o aeroporto de Kabul, que é responsabilidade dos EUA, está sumido no desorde”, indicou Amir Jan Mottaqi, un alto responsábel talibán.

Panjshir está disposto a entrar “nun Goberno inclusivo”

Mais non todo Afganistán está controlado polos talibán, a provincia de Panjshir, no nordés, esta considerada o último foco de resistencia. A sexta feira, incluso tomaron tres distritos da provincia de Baglán.

Por unha banda, os talibán anunciaron este domingo un ultimato de tres horas para que os dirixentes provinciais entreguen as armas, senón, atacarán a rexión onde está o ex vicepresidente, Amrula Salé, que prosegue coa súa actividade nas redes sociais en contra dos talibán. 

Porén, Ahmad Massud, que coordina as forzas militares na zona, afirmou nunha entrevista que “estamos dispostos a formar mediante negociacións políticas un Goberno inclusivo cos talibán, pero é inaceptábel que se forme un Goberno caracterizado polo extremismo”.

Putin advirte sobre o terrorismo

“Afganistán garda relación directa coa nosa seguridade”, recoñeceu Vladimir Putin, presidente de Rusia, nunha reunión este domingo cos cabezas de lista do seu partido, Rusia Unida.

Putin, que se ofreceu a mediar cos talibán e mantén o traballo diplomático na súa embaixada en Kabul, advertiu da expansión do terrorismo na súa primeira etapa de Goberno, que rematou en 2001.

"Ninguén quere volver agora a Afganistán, mais tampouco queremos que veñan elementos criminais de alí, e tampouco de Siria. Estamos facendo todo o posíbel para que Siria non sexa un sementeiro do terrorismo", salientou o presidente ruso.

Comentarios