domingo 19/09/21

Ecos da Guerra Fría na resistencia anti-talibán

Día 5 despois da caída do Goberno. Todo o Afganistán está controlado polos talibán... Todo? Non! Como coa irredutíbel aldea gala de Asterix e Obelix, a rexión de Panjshir concentra a resistencia política e armada ao Emirato Islámico. Mais nesta Galia, como na da Guerra Fría, hai moitas tribos, varios imperios romanos e demasiados intereses.
mujahidin_afghan-ussr_war_ErwinFranzen_CC
Combatentes muxahidín antes dun ataque con morteiros sobre a gornición de Shigal Tarna, na provincia afgá de Kunar, en 1987 (Foto: Erwin Franzen / CC)

"O meu respecto, apoio e aprecio á valente e patriótica mobilización do honorábel pobo do meu país en diferentes lugares para izar a bandeira nacional contra o movemento talibán. Algúns morreron con honra mártires nesta causa", escribía onte en Twitter Amrullah Saleh, exvicepresidente primeiro do Goberno do Afganistán e autoproclamado presidente interino tras a fuxida do deposto Ashraf Ghani. A mensaxe, en árabe, ía seguida doutra en inglés loando os que "portan a bandeira nacional e polo tanto se poñen en pé pola dignidade da nación e do país".

Xa o domingo, coa toma do poder por parte dos talibán, Saleh advertiu de que "nunca" e "baixo ningunha circunstancia" se rendería ante os "terroristas"; e na terza feira reivindicábase como líder de facto do país. As protestas en varias cidades do día seguinte, reprimidas con violencia polos militantes talibán, alentaron os chamamentos á resistencia por parte de Saleh. Onte houbo novas mobilizacións, tamén en Kabul, coa bandeira tricolor afgá como símbolo. 

Saleh permanece en Afganistán, concretamente en Panjshir. Situado a uns 100 km ao norte de Kabul, este val é o último bastión sen conquistar por parte da insurxencia, que controla o resto das 34 provincias afgás. 

O cachorro do "León"

En Panjshir tamén ten a súa base Ahmad Massoud, fillo de Ahmad Shah Massoud, que foi un dos principais líderes afgáns da resistencia antisoviética na década de 1980. De feito, o val está inzado con restos dos vehículos militares da URSS destruídos durante a guerra (1979-1989).

O pai, "O León de Panjshir", foi abatido por Al Qaeda dous días antes do 11 de Setembro de 2001. O fillo chamou á resistencia armada esta semana desde dúas tribunas en medios occidentais.

Na primeira, publicada na segunda feira por La Règle du Jeu ─revista fundada polo escritor Bernard Henri-Lévy, ao que pediu que interceda ante París para que preste axuda─, Massoud chama a cidadanía afgá a se lle unir contra o movemento talibán. Solicita tamén apoio aos países "amigos da liberdade", e reivindica como súa a loita de seu pai "pola liberdade, mentres a tiranía se impón no Afganistán".

Na segunda, publicada onte por The Washington Post, volve facer un chamamento ás potencias estranxeiras para que lle presten apoio, asegurando que moitos exmilitares afgáns xa se adheriron á súa causa. "Temos munición e armas almacenadas, que fomos acumulando pacientemente desde os tempos de meu pai, porque sabiamos que este día podería chegar", sostén.

En caso dun ataque talibán, afirma, encontraranse cunha "firme resistencia pola nosa parte". Porén, asegura que as súas forzas non serán quen de aguantar sen a axuda de Occidente, e apela especificamente aos Estados Unidos, ao Reino Unido e a Francia para que os apoien loxisticamente.

Deixa un agoiro, unha ameaza: "Os talibán non son só un problema para so afgáns. Baixo o control talibán, Afganistán converterase sen dúbida ningunha na zona cero do terrorismo islamista radical; aquí tramaranse unha vez máis complots contra as democracias".

Fillos de Washington

En 1978 naceu a República Democrática do Afganistán, Estado socialista aliado de Moscova. No Nadal de 1979, o secretario xeral da URSS, Leonid Brezhnev, ordenou a invasión do país ante o acoso dos milicianos islamistas ao Goberno laicista de Kabul. "O león de Panjshir" e outros muxahidíns recibiron nos seguintes anos o apoio dos EUA. 

Aquel foi un dos varios enfrontamentos armados en terceiros países (proxy wars, en inglés) da Guerra Fría entre a URSS e os EUA. E é a aquel sustento económico e armamentístico, lanzando en Occidente os dados da xeopolítica, ao que apela agora Ahmad Massoud. Nun Afganistán talibán do que sae Washington, entra Beijing e regresa Moscova.

comentarios