Malos tempos para non ser sunnita hoxe no Afganistán

Canda as mulleres, as minorías relixiosas son o grupo que máis sufriu o anterior período de Goberno talibán no Afganistán. Esta semana prometeron respecto, mais o pasado distante e recente espertan desasosego: en xullo produciuse unha matanza de homes hazara, semanas despois do ataque a unha escola de nenas desta etnia.
necroloxica_hazara_AI
photo_camera Lámina necrolóxica na honra dun dos nove asasinados en Ghazni (Foto: Amnistía Internacional)

Milicianos talibán masacraron nove homes da etnia hazara despois de tomar control da provincia de Ghazni o mes pasado, segundo denunciou onte a ONG Amnistía Internacional tras unha investigación sobre o terreo. Seis dos homes foron executados con disparos, os outros tres torturados até a morte.

A Wahed Qaraman, de 45 anos, crebáronlle as pernas, disparáronlle na dereita, arrancáronlle os cabelos e golpeáronlle a cara cun obxecto contundente. A Jaffar Rahimi, de 63 anos, estrangulárono co seu propio turbante e extirpáronlle os músculos dos brazos cun coitelo. A Sayed Abdul Hakim, de 40 anos, atáronlle as mans, golpeárono con paus e coas culatas dos rifles e, finalmente, disparáronlle dúas veces nunha pernas outras dúas no peito.

"A brutalidade a sangue frío destes asasinatos é un recordatorio do historial dos talibán e un indicador espantoso do que pode traer o Goberno talibán", expresou a secretaria xeral da ONG, Agnes Callamard. "Estes asasinatos selectivos son unha proba de que as minorías étnicas e relixiosas continúan a estar en especial perigo", engadiu.

Durante o anterior Goberno talibán (1996-2001), houbo unha persecución das minorías relixiosas, especialmente a xiíta, que constitúe aproximadamente 10% da poboación. Os talibán, pertencentes a etnia pashto, son sunnitas, a corrente maioritaria do Islam e no mundo. A nivel global, calcúlase que entre 85% e 90% dos musulmáns son sunnitas. Os hazara, terceiro gran grupo étnico do Afganistán (entre 10% e 20%), son xiítas.

Sunnitas vs. xiítas

Tras a morte do profeta Mahoma no ano 632 produciuse un cisma entre os musulmáns que apoiaban candidatos diferentes na sucesión do líder relixioso. Os dous bandos acabaron sendo coñecidos como sunnitas e xiítas. Durante séculos, esta división estivo na cerna de moitos enfrontamentos bélicos, internos e entre países, mais agora transcende o relixioso e é usado politicamente (ao igual que, por exemplo, o conflito en Irlanda do Norte non se pode explicar só por cuestións relixiosas).

Este antagonismo é un actor ─se non protagonista, si de reparto─ en conflitos internos dos últimos anos como o iraquí ou o sirio. Tamén ─e especialmente por todas as derivadas que produce na rexión─ entre dous acérrimos inimigos: Arabia Saudí (sunnita) e o Irán (xiíta).

Este último dato non é trivial. As relacións entre o Irán (fronteirizo co Afganistán) e os talibán fundamentalistas foron tensas en ocasiones e cooperativas noutras. Precisamente, o abuso contra os hazara foi o principal motivo de conflito. O Irán converteuse no principal defensor dos xiítas en Oriente Próximo: colabora con Hezbola no Líbano ou cos houthi no Iemen (en guerra con Arabia Saudí).

Promesas de cambio

É importante salientar que o ataque denunciado por Amnistía Internacional produciuse o 4 de xullo, antes da toma de poder. Ansiosos por encontrar recoñecemento internacional, os talibán fixeron unha serie de compromisos cos dereitos humanos. Tamén que non habería represalias. Desde o domingo non se comunicou ningún ataque masivo contra os hazara, aínda que o servizo de telefonía móbil foi cortado en numerosos lugares e os xornalistas locais fuxiron ou permanecen agochados.

Á entrada en Kabul o pasado domingo, oficiais talibán aseguraron aos residentes de barrios hazara que non serían atacados, segundo testemuñas recollidas por The New York Times. Foi nun destes barrios que 85 nenas morreron e outras 150 resultaron feridas en maio pasado nun ataque con bomba dos talibán a unha escola hazara.

Ao día seguinte reuníronse tamén con líderes das moi minoritarias comunidades sikh e hindú (unhas 120 familias) para asegurarlles que non debían temer pola súa vida e pedirlles que non abandonase o Afganistán, recolleu The Times of India. Os talibán intercambiaron números de teléfono cos representantes destas comunidades e pediron que os veciños pendurasen bandeiras brancas das casas para evitar malentendidos.

Dar a entender

Porén, a lembranza da última vez que ascenderon ao poder esperta os medos entre a poboación non sunnita. O 8 de agosto de 1998, na cidade con ampla poboación hazara de Mazar-i-Sharif, produciuse "unha frenética matanza" de combatentes e civís, de maneira "indiscriminada", segundo un informe de Human Rights Watch. 

Desta vez a asunción do poder nas capitais ─sen oposición armada─ está a ser diferente. En Bamiyan, capital oficiosa dos hazara, esnaquizaron a estatua de Abdul Ali Mazari, líder da milicia xiíta durante a guerra civil, que foi abatido en 1995 polos talibán. 

Bamiyan, onde xa en 2001 pulverizaran os dous famosos budas xigantes. A destrución de símbolos, un símbolo en si mesmo: unha mensaxe para as persoas que neles se ven representados. 

Caza a colaboradores de EUA e xornalistas

Un informe confidencial da ONU, elaborado polo Centro Noruegués de Análises Globais (Rhipto) e ao que tivo acceso a BBC, alerta de que os talibán están a intensificar a busca e captura, "porta por porta", de ex colaboradores das forzas de EUA e da OTAN. Tamén hai postos de control para identificar quen viaxa cara ao aeroporto de Kabul. "As familias daqueles que se resisten a entregarse son castigadas de acordo a sharia", afirmou en declaracións á AFP Christian Nellemann, director executivo de Rhipto, salientando o risco de "execucións e de torturas".

Ademais, no proceso de identificación de xornalistas que traballan para medios occidentais, un familiar dun traballador da Deutsche Welle morreu a disparos dos talibán e outro resultou ferido, segundo informacións da radiotelevisión publica alemá, que asegurou que o xornalista fora recolocado en Alemaña.

Comentarios