O Supremo suspende o presidente do Parlamento do Brasil, un dos promotores da destitución de Rousseff

Inhabilítao provisionalmente tamén como deputado da Cámara por ter empregado o seu cargo para "avergoñar, intimidar parlamentares, colaboradores, avogados e axentes públicos" para "obstaculizar e demorar as investigacións" da Lava-Jato.

Eduardo Cunha
photo_camera Eduardo Cunha

Eduardo Cunha (PMDB) foi suspendido por orde do Tribunal Supremo do Brasil provisionalmente do seu cargo como presidente do Parlamento e tamén como deputado da Cámara. O político está a ser procesado xudicialmente no marco da Operación Lava-Jato por presuntos delitos de corrupción. 

Será substituído por Waldir Maranhão, do Partido Progressista, tamén imputado

O que é unha das principais figuras promotoras do proceso de destitución (impeachment) contra a presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, foi afastado das súas responsabilidades por orde do xuíz instrutor do caso, Teori Zavascki, e logo de que a Fiscalía o solicitase documentando até 11 casos nos que tería usado o seu cargo para "avergoñar, intimidar parlamentares, colaboradores, avogados e axentes públicos" para "obstaculizar e demorar as investigacións", segundo recolle o diario portugués Publico.pt.

No lugar de Cunha asumirá a presidencia da Cámara Waldir Maranhão, do Partido Progressista, investigado tamén por corrupción. A decisión xudicial fai caer o que previsibelmente se tornaría no número dous de Michel Temer se finalmente a destitución de Rousseff vai adiante. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios