O Congreso abre a porta á destitución de Dilma Rousseff

O impeachment será votado polo Senado que precisa de maioría simple para o aprobar. 

Congreso Brasil
photo_camera Congreso do Brasil

Unha sesión maratoniana e 367 votos a favor abriron a porta ao proceso de impeachment da presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, o domingo. Apenas 137 paralamentares amosaron o seu apoio á mandataria que se sitúa á beira da destitución. 

'Por Deus', a principal razón para o impeachment

No centro do debate mediático, os supostos casos de corrupción que atinxen o goberno de Rousseff. Porén, na Cámara foi Deus o que máis pronunciamentos obtivo nunha sesión de votación que se prolongou durante seis horas e que fica lonxe da cultura política galega. Mesmo houbo referencias por parte de deputados como o social-cristián, Eduardo Bolsonaro, ao golpe de estado de 1964 que desembocou na ditadura militar que levou a propia Rousseff e Lula Da Silva á cadea e a Carlos Alberto Brilhante Ustra, ex-xefe do órgao de represión política durante ese período. 

O Senado só precisa maioría simple para aprobar o proceso que implicaría a suspensión da presidenta

Após a aprobación no Congreso, a proposta de impeachment pasa ao Senado que podería aprobala cunha maioría simple (41 de 81 escanos). Sobre a mesa as forzas que a promoven acusan Dilma Rousseff de ter vulnerado a lei orzamental, decretado gastos suplementares sen autorización do Congreso e de ter recorrido a operacións de crédito adiantadas por bancos estatais para financiar programas sociais. 

Pola súa banda, a presidenta e o Partido dos Trabalhadores acusan as forzas promotoras da destitución de estaren a levar a cabo un "golpe" contra o goberno e apelan á elección directa da presidenta, nun proceso electoral que tivo lugar en 2014, para deslexitimar o proceso. 

Tremer, actual vicepresidente asumiría a xefatura do estado. A Corte Suprema do Brasil investígao por corrupción

Que acontece se o impeachment recibe o apoio do Senado?
De acordo co estabelecido pola lexislación brasileira a presidenta sería suspensa do cargo para que sexa xulgada xudicialmente. Durante o período de 180 días fixado para que isto se produza é o vicepresidente quen asume as responsabilidades da xefatura do estado, isto é, Michel Temer. Paradoxicamente, contra el a Corte Suprema do Brasil solicitou abrir xuízo. De prosperar, asumiría a presidencia o actual presidente do Congreso, Eduardo Cunha quen está imputado por un presunto delito de corrupción. No concreto, polo escándalo Petrolão no que se tería apropiado indebidamente de millóns de dólares, subornos e mesmo pola posesión de contas en paraísos fiscais. De facto, Cunha é un dos nomes que aparecen nos Panama Papers. 

Comentarios