O Supremo de Paquistán permite a candidatura de Nawaz Sharif

Atentado contra un convoi de vacinación.
O ex primeiro ministro paquistaní Nawaz Sharif. (Foto: Europa Press / Contacto / PPI)
photo_camera O ex primeiro ministro paquistaní Nawaz Sharif. (Foto: Europa Press / Contacto / PPI)

O Tribunal Supremo de Paquistán resolveu esta segunda feira que aqueles políticos condenados por "cargos morais" non poden ser inhabilitados de por vida, polo que o ex primeiro ministro Nawaz Sharif poderá finalmente presentarse ás eleccións do próximo mes de febreiro.

Con seis votos a favor e un en contra, os maxistrados puxeron fin á inhabilitación de por vida recollida no artigo 62 da Constitución e que sinala que os membros do Parlamento deben ser "honestos e xustos" no desempeño das súas funcións. Sharif foi precisamente inhabilitado no pasado por socavar este artigo no marco do caso de corrupción dos Papeis de Panamá.

Sharif, da conservadora Liga Musulmana de Paquistán (N), que gobernou tres veces no pasado, foi destituído en 2017 polo Tribunal Supremo e condenado un ano despois. A lexislación paquistaní prohibe que un convicto se presente ás eleccións estatais, se ben a comezos deste ano introducíronse unha serie de emendas á Lei electoral que limitan a inhabilitación.

As eleccións do 8 de febreiro decorrerán no medio dunha crise política do país asiático, que se solapa ademais cun colapso económico e con problemas de seguridade. O Estado encadea unha serie de destitucións e xuízos a políticos, sendo arrestado incluso o último primeiro ministro elixido nas urnas Imran Khan (do centralista Movemento pola Xustiza de Paquistán) o pasado 9 de agosto. 

Atentado bomba 

Cando menos cinco policías que custodiaban un equipo de vacinación contra a polio morreron e outros 22 resultaron feridos esta segunda feira a causa dun atentado bomba na provincia paquistaní de Khyber Pakhtunkhwa, ao norte do país. 

O atentado aconteceu cando o vehículo no que viaxaban 25 policías foi alcanzado por unha bomba ás 8.50 hora local, informou un alto funcionario gobernamental do distrito de Bajaur. Paquistán e Afganistán son os dous únicos Estados onde a polio continúa a ser endémica e os ataques armados contra vacinadores  é un dos principais obstáculos.

Comentarios