O Goberno de Paquistán estuda prohibir o partido de Imran Khan

Esténdense as renuncias no Movemento pola Xustiza tralas ameazas dos militares mentres o Executivo ameaza con prohibir o partido.
Represión en Paquistán. (Foto: Ppi / Ppi Via Zuma Press Wire / DPA)
photo_camera Represión en Paquistán. (Foto: Ppi / Ppi Via Zuma Press Wire / DPA)

Malia a tensa calma instalada en Paquistán desde que o ex primeiro ministro Imran Khan foi liberado a mediados de maio tras considerar a Corte Suprema do país o seu arresto como ilegal, o Executivo ameaza con novas accións para impedir que Khan e a súa formación, o Movemento pola Xustiza (PTI), poidan participar nos próximos comicios, nos que as enquisas lle adiantan unha vitoria incontestábel.

Nese sentido, Khawaja Asif, o ministro de Defensa, afirmou a cuarta feira que o Gabinete “está a considerar prohibir o PTI”, ao que responsabilizou de atacar a “base mesma do Estado”.

En todo caso, sostivo que o Parlamento paquistaní terá que dar luz verde á decisión final do Goberno sobre a prohibición da formación, unha medida que de forma previsíbel provocaría unha nova onda de protestas das e dos partidarios de Khan, atentos tamén perante un potencial novo intento de detención.

O seu arresto durante varios días provocou mobilizacións masivas en todo o país con ataques a residencias de líderes das Forzas Armadas, ás que o ex primeiro ministro acusou de estar detrás dun intento de asasinato contra el en novembro, e que motivou amais da militarización de boa parte do territorio unha forte represión na que faleceron 10 persoas, nun enfrontamento que comezou coa súa destitución polo lexislativo en abril de 2022, da que acusa ás presións dos Estados Unidos polo seu achegamento a Rusia e á China.

Despois da súa destitución, foi imputado en máis dun centenar de casos de corrupción que el considera unha persecución política para evitar a súa volta ao poder.

Nas últimas semanas, o Exército ameazou insistentemente con perseguir xudicialmente os manifestantes nas protestas e á formación, detendo a varios cargos e até a ministra de dereitos humanos no mandato de Khan, Shireen Mazari, o que levou a que cando menos unha vintena de altos cargos do PTI renunciaran ás súas responsabilidades, incluída a propia Mazari, que denunciou a presión sobre a súa filla.

A punta de pistola

Khan subliñou que “a xente non se está a render, obrígaselles a deixar o partido a punta de pistola”, e salientou que “os partidos políticos non poden ser desmantelados con esas tácticas”, nunha estratexia que Times of India cualificou dunha tentativa de “esgotar” a Khan, todo isto no contexto dun enfrontamento paralelo entre o Executivo e a Corte Suprema ao que aludiu o avogado do PTI, Ali Zafar, que avanzou que se prohiben o partido a medida será declarada “nula e sen efecto nun día” por parte do tribunal.

Comentarios