O Supremo paquistaní ordena liberar o ex primeiro ministro Khan

Oito mortes e 1.900 detidos nas mobilizacións en Paquistán cando a nova da orde para liberar a Khan transformou as protestas en celebracións.
Represión en Paquistán. (Foto: Ppi / Ppi Via Zuma Press Wire / DPA)
photo_camera Represión en Paquistán. (Foto: Ppi / Ppi Via Zuma Press Wire / DPA)

No terceiro día de protestas masivas en Paquistán a raíz da detención a terza feira do ex primeiro ministro Imran Khan, e no medio dunha forte represión denunciada por Human Rights Watch que deixou oito mortes e arredor de 1.900 arrestos, a Corte Suprema de Paquistán declarou a quinta feira como “inválido e ilegal” o arresto de Khan, e ordenou a súa “liberación inmediata” e que se presente na mañá da sexta feira na sede do Tribunal Superior de Islamabad, en cuxas instalacións foi detido nun asalto dos Rangers, unha forza paramilitar.

Ao tempo, sentenciou que Khan permanecerá até a sexta nunha casa de convidados das forzas de seguridade paquistanís, mais incidindo que en calidade de hóspede, non de prisioneiro, e responsabilizou o Goberno da seguridade do ex mandatario, que insistiu en que temía pola súa vida despois de acusar a comezos de semana o Exército do intento de asasinato na súa contra de novembro, no que resultou ferido de bala.

Perante as protestas que se desataron desde o seu arresto, nas que foron detidos múltiples altos cargos da súa formación, o Movemento pola Xustiza, Khan subliñou que “só queremos eleccións no país”, uns comicios que o Executivo de Shehbaz Sharif, que asumiu o cargo despois dunha moción de censura contra Khan, se negou a adiantar perante a incontestábel vitoria de Khan que auguran as enquisas.

Celebracións e represión

Ao facerse público o veredicto do tribunal as protestas dos partidarios de Khan convertéronse rapidamente en celebracións por todo o país, o que non evitou que se seguiran producindo detencións e ataques contra as mobilizacións, denunciou o líder da formación, Hammad Azhar, que fixo un chamamento para acompañar a sexta feira a Khan en Islamabad.

A decisión da Corte Suprema non foi ben recibida polo Goberno, que a acusou de “dobre vara de medir” e reiterou a gravidade dos ataques contra instalacións militares -aos que se considera entre a poboación os verdadeiros responsábeis do arresto do ex primeiro ministro-, todo isto no marco do enfrontamento entre o Gabinete e o tribunal, tras negarse o primeiro a aceptar a data marcada polo segundo para as eleccións provinciais, que o Executivo tratou de atrasar.

'Eliminar' un líder político popular

Neste contexto, Dawn fai fincapé en que a detención reforzou a “percepción de que outro Goberno civil se aliou con poderes non electos para ‘eliminar’ un líder político popular só porque ameaza os seus intereses individuais”, e adiantou que “é posíbel que algún día paguen un alto prezo pola súa complicidade actual”.

Comentarios