Sánchez toma posesión como presidente español mentres ex militares reclaman un golpe de Estado

Pendente de decidir quen conformará o novo Gabinete español.
Pedro Sánchez ao prometer o seu cargo hoxe. (Foto: Casa Real española)
photo_camera Pedro Sánchez ao prometer o seu cargo hoxe. (Foto: Casa Real española)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, prometeu hoxe o cargo perante o rei español, Felipe VI, nunha cerimonia no Palacio da Zarzuela, en Madrid, co que, xunto á publicación no Boletín Oficial do Estado da súa elección, tomou posesión unha vez máis da posición que ostenta desde 2018, 24 horas despois de recibir o apoio da maioría absoluta no Congreso grazas aos acordos coas forzas nacionalistas.

O seguinte paso é a formación do novo Executivo, no que, segundo os medios estatais, manterase o actual titular de Presidencia, Félix Bolaños, mais na carteira de Xustiza, á vez que Óscar Puente, voceiro do PSOE na fracasada investidura do líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, sería o seu substituto.

Tamén seguirá Nadia Calviño en Economía até que se resolva se accede á dirección do Banco Europeo de Investimentos, despois do que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, asumiría as súas competencias aglutinando as dúas áreas.

Ao respecto da póla minoritaria da coalición, fontes de Sumar dan por feito que Yolanda Díaz manterá Traballo e unha vicepresidencia, con Mónica García, voceira de Más Madrid no lexislativo madrileño, de ministra de Sanidade, e Ernest Urtasun, de Catalunya en Comú, como responsábel de Cultura.

Ademais, Sumar ofreceu Dereitos Sociais a Podemos, cun dos seus membros, Nacho Álvarez, á cabeza, o que foi rexeitado pola líder da formación, Ione Belarra, ao ser unha "estratexia mediática".

Golpe de Estado

50 xefes e oficiais retirados das Forzas Armadas españolas -incluídos sete xenerais- asinaron un manifesto difundido pola Asociación de militares españois no que instan o Exército a dar un golpe de Estado contra Sánchez para destituílo das súas funcións.

Entre diversos asuntos, critican o Proxecto de lei orgánica de amnistía e unha “posíbel ruptura da unidade da nación española”.

Varios dos asinantes participaban nun grupo de redes sociais en 2020 no que pedían “fusilar 26 millóns de españois”

Comentarios