Investidura

VÍDEO | Pedro Sánchez promete o cargo á espera de nomear os ministros

"Prometo pola miña conciencia e honra cumprir fielmente as obrigas do cargo de presidente do Goberno, con lealdade ao Rei, e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado", di, nun acto sen presenza de símbolos relixiosos.
Pedro Sánchez prometendo hoxe o cargo ante Felipe VI. (Foto: RTVE)
photo_camera Pedro Sánchez prometendo hoxe o cargo ante Felipe VI. (Foto: RTVE)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, prometeu na mañá desta sexta feira o seu cargo ante o xefe do Estado, o rei Felipe VI, nunha cerimonia celebrada no Palacio da Zarzuela. "Prometo pola miña conciencia e honra cumprir fielmente as obrigas do cargo de presidente do Goberno, con lealdade ao Rei, e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado, así como manter o segredo das deliberacións do Consello de Ministros e de Ministras", expresou Sánchez, coa man dereita posta sobre un exemplar da Constitución.

A promesa produciuse un día despois de ser reelixido presidente, tras conseguir no Congreso o apoio de 179 deputados e deputadas —PSOE, Sumar, ERC, Junts, EH Bildu, PNV, BNG e Coalición Canaria—, a maioría absoluta do hemiciclo. En contra votaron os os 137 representantes do PP, os 33 de Vox e o de UPN.

Tamén esta vez o líder do PSOE prometeu o cargo sen presenza de símbolos relixiosos. Coa chegada de Felipe VI á Xefatura do Estado, a Casa Real cambiou o protocolo e foi o propio Sánchez o primeiro en estrealo en 2018. O seu nomeamento xa aparece publicado no BOE.

No acto solemne de promesa exerceu a titular do Ministerio de Xustiza, Pilar Llop, como notaria maior do Reino e participaron tamén outras autoridades como o presente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Vicente Guilarte; o presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, e os presidentes do Congreso e do Senado, Francina Armengol e Pedro Rollán, respectivamente.

O seguinte paso de Sánchez será designar o seu novo equipo de ministros e ministras, que se presupón máis reducido que o do anterior mandato, e agárdase un notábel recorte de carteiras. Por parte do seu socio de coalición, Sumar, comezan a soar nomes como os de Ernest Urtasun ou Mónica García mentres esvaecen outros como os das ministras Ione Belarra e Irene Montero.

Comentarios