Investidura

Militares retirados chaman o Exército a dar un golpe de Estado e depor Sánchez

Medio centenar de ex altos mandos militares elaboran un manifesto no que instan as Forzas Armadas a destituír o presidente Pedro Sánchez e convocar novas eleccións.
Pedro Sánchez, no seu escano, durante a votación de investidura desta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, no seu escano, durante a votación de investidura desta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Do "hay que fusilar a 26 millones de hijos de puta" a alentar directamente un golpe de Estado. As faccións máis extremistas do Exército español volven ficar no albo após a investidura de Pedro Sánchez, que contou co apoio de 179 deputados e deputadas do Congreso —PSOE, Sumar, ERC, Junts, EH Bildu, PNV, BNG e Coalición Canaria— e co rexeitamento unicamente da dereita e a extrema dereita —PP, Vox e UPN—. Medio centenar de altos mandos militares xa retirados veñen de elaborar un manifesto, adiantado polo xornal infoLibre, no que instan as Forzas Armadas a depor Sánchez e convocar novas eleccións.

Confirmouno un dos propios asinantes do documento, o capitán retirado do Exército do Ar Francisco Javier Sanz Arzuaga. Agora veñen de facelo público e a el adheriuse a Asociación de Militares Españoles (AME). O citado texto acusa o actual Goberno estatal de "copar a maioría dos órganos xudiciais, o que anula a independencia do poder xudicial e a separación de poderes".

Os militares aluden nomeadamente á futura Lei de amnistía en Catalunya e a porta aberta que deixaron PSOE e Junts no seu acordo de investidura a negociar a posibilidade dun referendo de autodeterminación; unha opción, porén, que hoxe en día segue a parecer remota. "Tendo en conta que o artigo 8.1 da nosa Constitución sinala en relación coas misións das Forzas Armadas, ademais de garantir a soberanía e independencia de España e a defensa da súa unidade territorial, a de defender o ordenamento constitucional, que consideramos en grave perigo pola falta de independencia xudicial, a desigualdade dos cidadáns españois ante a lei e a posible ruptura da unidade da Nación española, este grupo de antigos membros das Forzas Armadas, hoxe en situación de Retiro, preocupados polo devir de España, alzamos a voz neste Manifesto", apuntan.

A carta remata instando claramente a tomar as armas e depor o presidente Sánchez e mailo seu Goberno pola forza: "Pedimos aos responsábeis da defensa do ordenamento constitucional, a destitución do Presidente do Goberno e a convocatoria de eleccións xerais, o que sometemos á consideración da cidadanía española ao obxecto de previla e de que tome conciencia da gravidade da situación actual".

O texto encabezaríao o xeneral de división retirado Yago Fernández de Bobadilla Bufalá, e entre eles atoparíanse tamén algúns dos que participaran en 2020 daqueles polémicos chats de mensaxería nos que chamaban a "fusilar a 26 millones de hijos de puta".

Neste novo manifesto, aliás, cuestionan a lexitimidade do Tribunal Constitucional e do seu presidente, o galego Cándido Conde-Pumpido, a quen presentan como "un maxistrado con antecedentes que non permiten a neutralidade das súas accións ao manifestar que 'hai que mancharse a toga co barro do camiño', en relación con procedementos para a integración dunha organización terrorista como partido político".

Comentarios