Rusia e Ucraína traballan nun documento de 15 puntos para pór fin á guerra

Kiev renunciaría a integrarse na OTAN e vería limitado o seu Exército.
EuropaPress_4317854_16_march_2022_poland_przemysl_helper_from_the_polish_army_helps_children_to
photo_camera Crianzas ucraínas na estación polaca de Przemysl, onte (Foto: Christoph Reichwein / dpa)

As negociacións entre Rusia e Ucraína parecen avanzar tras case tres semanas da ofensiva militar rusa sobre o país veciño. Ambos os países comezaron nesta cuarta feira a traballar nun acordo de 15 puntos que inclúe un cesamento do fogo e a retirada de das tropas rusas se o Goberno ucraíno declara a neutralidade e acepta límites nas súas forzas armadas, segundo adiantou o diario Financial Times.

Este último punto, un dos máis demandados polo Goberno de Vladimir Putin, foi a ficha decisiva para progresar nas conversas de paz durante o sexto encontro entre as partes que se desenvolveu onte. De feito, horas antes, o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, xa mostrara o seu optimismo sobre este asunto. "Hai unha serie de formulacións dos acordos con Ucraína sobre o estatuto de neutralidade e as garantías de seguridade que están a piques de lograrse", avanzou Lavrov, mentres que o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmaba que as conversas se estaban a tornar "máis realistas".

O acordo proposto implicaría que Kiev renuncie ás súas ambicións de unirse á OTAN e prometa non albergar bases militares ou armas estranxeiras; a cambio, contaría coa protección de aliados como Estados Unidos, Reino Unido e Turquía. 

Sobre isto último, Mykhailo Podolyak, asesor principal do presidente ucraíno, asegurou que a Constitución de Ucraína xa prohibe as bases militares estranxeiras no país, polo que non sería un problema para chegar a un punto en común.

Con isto, Moscova busca que Ucraína se converta nun Estado desmilitarizado, ao estilo de Austria ou de Suecia. "O modelo austríaco ou sueco do que é un Estado desmilitarizado está a ser discutido para Ucraína e pode verse como unha opción para un compromiso", explicou onte o portavoz do Kremlin, Dmitry Peskov.

Tribunal de Nacións Unidas

Por outra parte, a Corte Internacional de Xustiza (CIX), o tribunal supremo da ONU, ordenou a Rusia deter inmediatamente a ofensiva militar, en aplicación das medidas cautelares que solicitaran as autoridades ucraínas. 

Kiev pedira hai dúas semanas á CIX intervir argumentando que Rusia violara a Convención de Xenocidio de 1948 ao acusar a Ucraína de cometer un xenocidio no Donbás e usar iso como pretexto para a invasión en curso.

Os países que se negan a acatar as ordes deste tribunal poden ser remitidos ao Consello de Seguridade da ONU, onde Rusia ten poder de veto.

Comentarios