Rusia, disposta a "dialogar" cos EUA malia que "non tolerará" que se crucen as "liñas vermellas"

O representante de Rusia ante a ONU, Dmitri Polianski, acusa as potencias occidentais de estaren a artellar unha "operación de falsa bandeira" en Donbass, no leste de Ucraína, para logo "culpar Rusia dunha presunta invasión". Paralelamente, Biden aconsella aos estadounidenses residentes en Ucraína marchar "agora" do país.
Un tanque do Exército ucraíno realizando manobras militares a pasada quinta feira, 10 de febreiro (Foto: Ukrinform / DPA).
photo_camera Un tanque do Exército ucraíno realizando manobras militares a pasada quinta feira, 10 de febreiro (Foto: Ukrinform / DPA).

O representante adxunto de Rusia ante a Organización das Nacións Unidas (ONU), Dmitri Polianski, apuntou esta sexta feira, en declaracións á axencia rusa Sputnik, que o seu Goberno avoga polo "diálogo" para resolver o conflito en Ucraína. Porén, dixo, Moscova "non permitirá" que se crucen as súas "liñas vermellas".

"Somos diplomáticos e debemos actuar de tal maneira, por iso aproveitaremos calquera oportunidade para chegar a acordos, mais sen renunciar ás nosas posicións cruciais e sen que se crucen as nosas liñas vermellas", defendeu.

Así as cousas, Polianski acusou as potencias occidentais de estaren a artellar unha "operación de falsa bandeira" en Donbass, no leste de Ucraína, para logo "culpar Rusia dunha presunta invasión".

O diplomático cualificou como "falsas" as informacións xurdidas nas últimas datas sobre os supostos plans do Kremnlin para atacar o país veciño, con base no nutrido número de tropas rusas despregado na fronteira.

Esas 'fake news', afirmou, "multiplican o risco dunha escalada bélica". Con todo, manifestou a súa "esperanza" de que os políticos occidentais "teñan suficiente cordura" para "desistir do seu intento".

A respecto das posíbeis vías de resolución do conflito e sobre a opción de que a ONU inicie unha arbitraxe, Polianski apuntou: "[António] Guterres non descarta a variante de arbitraxe, mais antes quere esgotar todos os recursos dispoñíbeis de influír sobre a parte estadounidense para lograr unha solución".

Ao mesmo tempo, afirmou que Guterres, secretario xeral da ONU, "estará obrigado a lanzar o procedemento de arbitraxe se a actitude dos EUA non muda radicalmente".

Comentarios