EUA envía máis tropas ao leste de Europa e estima en 50.000 os civís mortos nunha hipotética guerra

Rusia cualifica de "alarmista" o prognóstico de Washington: "E se dixésemos que EUA podería apoderarse de Londres nunha semana e causar 300.000 mortes de civís?".
Carros de combate ucraínos realizando manobras militares a pasada semana (Foto: Ukrinform / DPA).
photo_camera Carros de combate ucraínos realizando manobras militares a pasada semana (Foto: Ukrinform / DPA).

Na tarde deste domingo aterrou en Polonia un novo continxente de tropas dos Estados Unidos de América (EUA) para reforzar as posicións militares da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) no leste de Europa, co gallo da crecente tensión na fronteira entre Rusia e Ucraína.

O propio presidente estadounidense, Joe Biden, confirmou que se trata de 3.000 efectivos, dos cales 1.700 ficarán en Polonia, outros 300 irán a Alemaña e os restantes serán enviados a Romanía, na cerna do conflito.

Pola súa parte, o ministro de Defensa polaco, Mariusz Blaszczak, expresou a súa satisfacción pola chegada de tropas dos EUA e salientou que é a "mellor resposta" á "política agresiva" de Rusia a respecto da súa veciña Ucraína.

Unha hipotética e cruenta guerra

O estoupido dun conflito bélico entre Rusia e Ucraína, coa consecuente participación dos socios de ambas as dúas nacións, podería causar na rexión "entre 25.000 e 50.000 vítimas civís mortais", alén de entre 5.000 e 25.000 efectivos do Exército ucraíno e entre 3.000 e 10.000 das forzas rusas, segundo as estimacións de fontes da Administración Biden que proporcionaron ao xornal New York Times.

A guerra tamén produciría unha nova vaga de desprazamentos masivos cara ao centro de Europa; nomeadamente, "entre un e cinco millóns de persoas", cuxo principal destino sería Polonia.

Segundo estas mesmas fontes, Rusia tería concentrado na fronteira, até o momento, "70%" das forzas precisas para iniciar unha invasión, algo que, a ollos de Washington, podería acontecer a partir do 15 de febreiro.

Rusia cualifica de "alarmistas" as estimacións de Washington

O embaixador ruso ante a ONU, Dimitri Polianski, cualificou este domingo as estimacións da Casa Branca como un acto de "alarmismo e tolemia". "E se dixésemos que EUA podería apoderarse de Londres nunha semana e causar 300.000 mortes de civís? Todo isto baseado nas nosas fontes de intelixencia que non revelaremos", apuntou.

Porén, ante a crecente tensión na rexión, o propio Ministerio de Defensa ruso vén de confirmar o traslado dun número indefinido de cazas a aeródromos militares de Belarús para unha manobra militar prevista neste país nos vindeiros días. Participarán uns 13.000 soldados e outros 3.500 paracaidistas, así como 800 carros de combate, ao longo da fronteira sur, que linda con Ucraína.

Belarús apoia Rusia e boicoteará Ucraína

Neste contexto, o presidente de Belarús, Alexander Lukashenko, avanzou este domingo que cortará o suministro de enerxía a Ucraína que pase polo seu país no caso de que Kiev entrase en guerra con Moscova.

"Ucraína nunca loitará contra nós, mais se iso ocorrese a guerra duraría un máximo de tres ou catro días; non quedará ninguén alá para combater", dixo, nunhas declaracións recollidas pola axencia rusa Sputnik nas que tamén acusou os EUA de "empurrar á guerra" ao Goberno ucraíno de Volodimir Zelenski.

Comentarios