Rusia acusa a OTAN de "inundar Ucraína con armamento avanzado" e advirte que non cederá Crimea

A OTAN prepara un novo envío de tropas á rexión e afirma que actuará "con firmeza" ante unha eventual invasión rusa, mentres os EUA ameazan con cortar o gasoduto que une Rusia e Alemaña.
Chegada de militares estadounidenses ao aeroporto de Rzeszow Jasionka, en Polonia, este domingo (Foto: Maciej Goclon / Fotonews).
photo_camera Chegada de militares estadounidenses ao aeroporto de Rzeszow Jasionka, en Polonia, este domingo (Foto: Maciej Goclon / Fotonews).

A tensión segue en aumento na fronteira entre Rusia e Ucraína, nunha batalla dialéctica na que ambos os bandos acusan o contrario de estar a reforzar a súa presenza militar na rexión. Segundo o portavoz do Pentágono dos Estados Unidos de América (EUA), John Kirby, a despregadura rusa superaría xa os 100.000 efectivos sobre o terreo.

"Ten un traxe completo á súa disposición e segue a medrar cada día. Tamén nos dous últimos días, nos que sumou loxística e capacidade de mantemento para soster esta despregadura durante un longo período de tempo", afirmou, e fixo alusión a que o Kremlin non só tería enviado infantaría e vehículos de transporte, senón tamén "artillaría, armas de longo alcance e defensas antiaéreas e de misís, así como forzas especiais".

Mais desde Moscova fan a mesma advertencia: "Países membro da OTAN (Organización do Tratado do Atlántico Norte) seguen a inundar Ucraína con armamento avanzado, expertos e instrutores militaeres, e destinan considerábeis recursos financeiros para a modernización do Exército ucraíno", apuntou esta segunda feira o presidente ruso, Vladimir Putin, en declaracións recollidas pola axencia Sputnik tras o seu encontro co seu homólogo francés, Emmanuel Macron.

Neste senso, Putin asegurou que Moscova "non permitirá" que o Goberno ucraíno "tente recuperar Crimea pola vía militar", ao tempo que o acusou de "desaproveitar" a oportunidade de lograr unha solución "pacífica" ao conflito das rexións separatistas de Donetsk e Lugansk.

A OTAN prevé enviar máis tropas

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, manifestou na segunda feira a intención das forzas occidentais de aumentar a súa presenza no leste de Europa: "Estamos considerando un axuste a longo prazo na nosa presenza no leste da Alianza. Non hai decisión final, mais queremos unha maior presenza no flanco oriental e fortalecer a nosa defensa e disuasión".

Así, salientou que a OTAN podería despregar "en cuestión de días" até 40.000 efectivos na rexión. Washington, pola súa parte, xa reforzou con 8.500 militares as forzas de resposta rápida, que a Alianza empregaría se for preciso actuar "con firmeza" ante unha escalada militar de Rusia.

EUA ameaza con cortar o gasoduto entre Rusia e Alemaña

O mandatario estadounidense, Joe Biden, após o encontro mantido na segunda feira co chanceler alemán, Olaf Scholz, afirmou que, "se Rusia invade, e iso significa carros de combate e tropas cruzando a fronteira de Ucraína, xa non haberá un Nord Stream 2; porémoslle fin".

Facía alusión, deste modo, ao gasoduto submarino que une Rusia directamente con Alemaña, mais non aclarou como se podería cortar esta infraestrutura se Berlín se opuxese.

Scholz, porén, eludiu ameazar Moscova cunha cancelación definitiva dos permisos do gasoduto, controlado polo xigante ruso Gazprom, mais si asegurou que os países da Alianza están "absolutamente unidos" e non tomarán "pasos diferentes".

Comentarios