Biden aconsella aos estadounidenses residentes en Ucraína marchar "agora" do país

O Goberno dos EUA segue a visualizar un escenario bélico en Ucraína e afirma que Rusia ten xa "70% das tropas precisas" para invadir o país e que Kiev caia "en perto de 48 horas".
O presidente dos EUA, Joe Biden, nun acto decorrido en Atlanta a comezos de febreiro (Foto: Brian Cahn / ZUMA Press Wire).
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, nun acto decorrido en Atlanta esta quinta feira (Foto: Brian Cahn / ZUMA Press Wire).

Malia que tanto Rusia coma os Estados Unidos de América (EUA) insisten en que non buscan un conflito armado e apostan na vía do diálogo nas súas intervencións públicas, o certo é que a sucesión de acontecementos das últimas datas sitúa a rexión nunha verdadeira encrucillada.

O presidente dos EUA, Joe Biden, vén de aconsellar á cidadanía estadounidense residente en Ucraína que abandone "agora" o país: "Non é como se estivésemos a tratar cunha organización terrorista. Estamos lidiando cun dos exércitos máis grandes do mundo, é unha situación moi diferente e as cousas poderían volverse tolas rapidamente", afirmou, nunha entrevista concedida á canle NBC.

No caso de estoupar o conflito bélico, Biden non prevé ningunha operación de evacuación dos seus cidadáns e cidadás como si se fixo en Afganistán, xa que a situación "sería unha guerra mundial" no momento en que "EUA e Rusia empezasen a dispararse os uns aos outros".

Estas declaracións prodúcense uns días despois de que a Administración Biden estimase que a guerra podería ocasionar "entre 25.000 e 50.000 vítimas civís mortais", alén de "entre 5.000 e 25.000 efectivos" do Exército ucraíno e "entre 3.000 e 10.000" das forzas rusas.

Segundo informa o xornal The New York Times, un alto funcionario estadounidense confirmou que os mandos militares e de intelixencia do Goberno dos EUA estimaron que o Exército ruso reuniu xa "70% das tropas precisas" para unha "invasión total" de Ucraína que podería supor a caída de Kiev en "perto de 48 horas".

De feito, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) cifrou recentemente os efectivos despregados por Moscova na fronteira en "máis de 100.000", malia que o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, salientou que a despregadura de tropas rusas na fronteira entre Ucraína e Belarús, co gallo de realizar "manobras conxuntas" coas forzas armadas desta última nación, ten data de caducidade, o vindeiro 20 de febreiro.

Mais tamén o bando occidental tense reforzado na rexión. Biden, anunciou esta mesma semana o envío de até 3.000 militares ao leste de Europa, mentres o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, afirmou que a organización ten capacidade para despregar "até 40.000 soldados" no caso de que estoupase un conflito bélico.

Comentarios