Kiev di que hai posibilidades de "solución diplomática" e toma distancia das "previsións apocalípticas" de EUA

A presidencia da Ucraína considera que as posibilidades de acadar unha "solución diplomática" con Rusia son "considerabelmente superiores" ás dunha "escalada militar". "Non confíen nas previsións apocalípticas", afirmou o ministro de Relacións Exteriores, Dmitro Kuleba
Un voluntario das milicias ucraínas de Kiev, este domingo (Foto: Sean Gallup).
photo_camera Un voluntario das milicias ucraínas de Kiev, nunhas manobras (Foto: Sean Gallup).

Estados Unidos enviou nas últimas horas soldados a Polonia no medio da tensión entre Rusia e Ucraína. O Goberno de Joe Biden insiste coa teoría dunha posíbel invasión rusa e mesmo fai cálculos dos custos da invasión: 50.000 mortos e unha vaga de miles de desprazados.

Porén, desde Kiev óptase pola prudencia e collen certa distancia do discurso de EUA. A propia presidencia da Ucraína considera que as posibilidades de acadar unha "solución diplomática" con Rusia son "considerabelmente superiores" ás dunha "escalada militar". "Non confíen nas previsións apocalípticas", afirmou o ministro de Relacións Exteriores ucraíno, Dmitro Kuleba. "Ucraína conta cun exército poderoso, apoio internacional e está preparada para calquera escenario", manifestou. 

Distanciamento

No mesmo sentido expresouse Mihailo Podoliak, conselleiro xefe da Administración ucraína, quen sinalou: "As posibilidades de atopar unha solución diplomática son moi superiores á ameaza de que se dea unha nova escalada".

Non é a primeira vez nestas semanas que desde Kiev se afastan do discurso de EUA. Así, O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmaba hai pouco máis dunha semana que "non estamos a ver unha escalada maior que antes" e pedía a Estados Unidos que non alentase "o pánico"

Non é a primeira vez nestas semanas que desde Kiev se afastan do discurso de EUA. Así, O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmaba hai pouco máis dunha semana que "non estamos a ver unha escalada maior que antes" e pedía a Estados Unidos que non alentase "o pánico".

Máis soldados de EUA

Soldados estadounidenses arribaron ao longo desta fin de semana a Polonia, país ao que o presidente Biden decidiu enviar reforzos para defender os países da OTAN "contra calquera agresión". 

Rusia nega calquera deriva belicista e afirma que soamente quere garantir a súa seguridade. Ademais anunciou a realización de "manobras militares" conxuntas con Bielorrusia.

O operativo estadounidense forma parte do anuncio que Joe Biden fixo a pasada cuarta feira, cando adiantou que 3.000 soldados suplementarios serían enviados a Europa do Leste para "defender os países da OTAN". 

Os novos efectivos estadounidenses súmanse aos máis de 8.500 militares postos en estado de alerta a fins de xaneiro para ser despregados na forza de reacción rápida da Alianza Atlántica. 

Comentarios