Putin, disposto a falar "con calquera" para desescalar o conflito mentres os EUA envían máis tropas

As tropas rusas despregadas en Belarús regresarán ás súas posicións após remataren as "manobras conxuntas" que están a realizar co exército do país veciño, segundo o Kremlin.
O presidente ruso, Vladimir Putin, durante unha reunión (Foto: Kremnlin / DPA).
photo_camera O presidente ruso, Vladimir Putin, na reunión que mantivo esta segunda feira co seu homólogo francés, Emmanuel Macron (Foto: Kremnlin / DPA).

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, está disposto a reunirse e dialogar "con calquera" para "cortar o nó gordiano" no leste de Ucraína, ante o aumento das tensións entre ambos os países.

Así o confirmou esta terza feira o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, que aludiu directamente ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski: "A priori, ninguén o rexeita se este encontro realmente axuda a cortar este nó gordiano no que se converteu a situación no surleste do país".

Neste senso, o presidente de Francia, Emmanuel Macron, asegurou esta terza feira, após reunirse con Putin que o mandatario ruso lle trasladou que "non haberá un deterioro nin unha escalada" arredor de Ucraína.

Retirada das tropas de Belarús

Por outra parte, Peskov salientou que a despregadura de tropas rusas na fronteira entre Ucraína e Belarús, co gallo de realizar "manobras conxuntas" coas forzas armadas desta última nación, ten data de caducidade.

"Trátase de exercicios aliados e suponse que ao remate destes simulacros as tropas regresarán aos seus lugares de despregadura permanente", defendeu, e lembrou que "ninguén dixo nunca que as tropas rusas puidesen ficar no territorio belaruso tras as manobras".

EUA envía máis tropas a Romanía

No que atinxe ás potencias occidentais, cómpre salientar que perto dun centenar de efectivos dos Estados Unidos de América (EUA) chegaron esta terza feira a Romanía, como parte do continxente que o país ten previsto enviar para "reforzar" a posición da OTAN na rexión.

O presidente estadounidense, Joe Biden, anunciou o envío de até 3.000 militares ao leste de Europa, mentres o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, afirmou que a organización ten capacidade para despregar "até 40.000 soldados" no caso de que estoupase un conflito bélico.

Comentarios