Rusia desbota negociar a paz en Ucraína sobre a proposta de Kíiv

A reunión en Jeddah de altos funcionarios de arredor de 40 países para estudar a proposta de paz ucraína rematou sen declaración final.
Maria Zakharova. (Foto: Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia)
photo_camera Maria Zakharova. (Foto: Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia)

A voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zakharova, descartou a segunda feira que o plan de paz proposto por Ucraína, que consiste sobre todo na retirada das tropas rusas do que considera o seu territorio para abrir as negociacións, permita “atopar unha solución á crise a través de conversas e esforzos diplomáticos”.

Nas súas declaracións, apenas un día despois da fin dunha reunión de altos funcionarios de arredor de 40 países en Jeddah, Arabia Saudita, para abordar a proposta ucraína, Zakharova subliñou que tras o intento de promoción da fórmula de paz de Kíiv está a tentativa dos países occidentais de minimizar as iniciativas de paz presentadas por países neutrais no conflito en Europa, como os Estados africanos, a China ou o Brasil.

Asemade, apuntou que agardan debater cos socios que asistiron á xuntanza as súas avaliacións, incidindo en que para atopar unha solución integral “debe recoñecerse a nova realidade territorial” e ratificarse “os cimentos orixinais da soberanía de Ucraína, é dicir, a súa condición de país neutral, non aliñado e libre de armas nucleares”.

Na reunión en Jeddah, na que amais dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) estiveron a China, Suráfrica, a India ou o Brasil, non se acordou ningunha declaración final máis alá de que seguirán a conversar. Andriy Yermak, xefe da Administración presidencial de Ucraína, admitiu “discusións nada fáciles” con “moitos desacordos”, nunha convocatoria na que procuraban apoio ás condicións da súa proposta de paz.

Pola súa parte, Mykhailo Podoliak, asesor do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, reiterou que non aceptarán “altos o fogo inmediatos” ou “negociacións aquí e agora”, fechando a porta a calquera opción que non sexa o seu propio plan.

Li Hui, o enviado chinés ao país árabe, sostivo que o evento axudou a “consolidar o consenso internacional” sobre Ucraína, apuntando que escoitaron todas as propostas e salientando que “todas as partes” apoiaron “totalmente o papel positivo da China” á hora de facilitar conversas de paz.

Ao tempo, o Goberno alemán trasladou que considera un éxito a xuntanza ao amosar a vontade internacional de traballar para acabar coa guerra.

En paralelo, Zelenski criticou o presidente brasileiro, Lula da Silva, defendendo que “cría que tiña unha comprensión máis ampla do mundo” e acusándoo de ser o único líder internacional que reclama abordar as garantías de seguridade que pide Rusia ante a expansión da OTAN.

Comentarios