Sánchez abordará con Xi o plan de paz para acabar coa guerra en Ucraína

A visita oficial do presidente español a Beijing será o 30 e 31 de marzo.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

"É importante coñecer de primeira man a súa posición sobre a paz en Ucraína e trasladarlle que serán os ucraínos os que estabelezan as condicións para o inicio desa paz", destacou a quinta feira o mandatario español Pedro Sánchez en relación a reunión co presidente chinés Xi Jinping.

A visita oficial á China está confirmada para o 30 e 31 de marzo, tres meses antes de que o Estado español asuma a Presidencia do Consello da Unión Europea na segunda metade do ano. Nese sentido, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, ratificou que un dos temas da axenda será un potencial alto o fogo en Ucraína, semanas despois de facerse público o plan de paz chinés.

En paralelo, Estados como os Países Baixos e Estonia tamén puxeron o foco en que Beijing ten que falar con Kíiv para tratar a proposta, despois de que os Estados Unidos lanzaran esa mesma mensaxe após reiterar nun primeiro momento que era inaceptábel, o que foi replicado pola Organización do Tratado do Atlántico Norte e polo bloque comunitario.

Iso si, non se demandou que a China conversara desa cuestión con Ucraína até que medios estadounidenses ratificaron que Xi tiña previsto falar co seu homólogo Volodimir Zelenski unha vez finalizada a visita oficial a Rusia.

Nesa liña, Bloomberg publicou que Washington teme ficar "acurralado" se prosegue rexeitando o plan, citando un funcionario gobernamental que falou coa condición de permanecer no anonimato. Asemade, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, advertiu perante a Unión Europea dos riscos de non contar coa China á hora de procurar unha saída negociada que acabe coa guerra en Ucraína.

Comentarios