Pacto asinado por Putin e Xi Jinping

Rusia e China acusan a OTAN de "debilitar a estabilidade doutros países"

Moscova desminte as acusacións dos EUA de estar artellando unha montaxe como "pretexto" para invadir Ucraína.
Vladimir Putin e Xi Jinping, esta sexta feira, na previa á inauguración dos Xogos Olímpicos de Inverno que decorren en Beijing (Foto: Kremlin).
photo_camera Vladimir Putin e Xi Jinping, esta sexta feira, na previa á inauguración dos Xogos Olímpicos de Inverno que decorren en Beijing (Foto: Kremlin).

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, mantiveron esta sexta feira un encontro co gallo do acto inaugural dos Xogos Olímpicos de Inverno, que este ano teñen como sede Beijing. Reunidos na capital da China, ambos os mandatarios asinaron unha declaración conxunta na que instaron os países occidentais a "abandonaren os enfoques ideoloxizados da Guerra Fría", ao tempo que deron conta da súa "cálida" relación nun momento de alta tensión nas fronteiras de Ucraína.

Nun comunicado conxunto difundido polo Kremlin, Putin e Xi urxiron a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a cesar no seu intento de "expansión" no leste de Europa e a "respectar a soberanía, a seguridade e os intereses doutros países e a diversidade dos seus patróns histórico-culturais". Neste contexto, o Goberno chinés "entende e apoia as propostas presentadas por Rusia sobre a formación de garantías de seguridade legalmente vinculantes a longo prazo en Europa.

A ollos de Beijing e Moscova, a OTAN actúa "en detrimento da seguridade doutros co obxectivo de fomentar o antagonismo e a confrontación, debilitar gravemente a orde da seguridade internacional e a estabilidade estratéxica mundial".

"O fortalecemento das relacións con China non só facilita a salvagarda dos intereses comúns entre ambos os países, senón que é fundamental para a seguridade estratéxica mundial", afirmou Putin, en declaracións ao xornal South China Morning Post.

Rusia nega que vaia simular un ataque ucraíno

O Goberno estadounidense culpou Moscova esta quinta feira de estar a artellar un vídeo falso cun contido "enormemente violento" sobre un suposto ataque das forzas ucraínas para xustificar unha invasión do territorio.

Porén, o ministro de Exteriores rusos, Sergei Lavrov, desmentiuno esta sexta feira: "O carácter delirante destas invencións, que aumentan cada día, é evidente para calquera politólogo con algo de experiencia".

Rolda de encontros

O chanceler de Alemaña, o socialdemócrata Olaf Scholz, viaxará o vindeiro 15 de febreiro a Moscova para reunirse con Putin, algo que fará previamente —a segunda feira día 7 de xaneiro— o seu homólogo francés, Emmanuel Macron, que na quinta feira xa mantivo conversas co presidente ruso e máis o ucraíno, Volodimir Zelenski.

YouTube fecha as canles das autoridades de Donetsk e Lugansk

Noutra orde, as autoridades das repúblicas separatistas de Donetsk e Lugansk —afíns a Rusia— denunciaron esta sexta feira que YouTube vén de fechar as múltiples canles oficiais dos seus ministerios e axencias de noticias por, segundo a versión da compañía, "violar os termos do servizo".

Para a canle pública de radiodifusión GTRK, este bloqueo "sen aviso previo" é "unha provocación e un intento dos servizos de intelixencia ucraínos, británicos e estadounidenses de silenciar a voz na rexión ante o ataque de gobernos armados occidentais e adestrados por instrutores das brigadas das Forzas Armadas de Ucraína, a Garda Nacional e grupos de mercenarios estranxeiros".

Comentarios