Xosé Luís Rivera, membro da Plataforma Galega contra a OTAN

"A OTAN é un instrumento para a guerra e a bandidaxe"

A pasada cuarta feira constituíuse a Plataforma Galega contra a OTAN. Unha das entidades promotoras do colectivo pacifista é a Confederación Intersindical Galega (CIG). O responsábel de relacións internacionais da central sindical, Xosé Luís Rivera Xácome, explica a Nós Diario os seus obxectivos e as súas liñas de actuación

Xácome
photo_camera Xosé Luís Rivera, membro da Plataforma Galega contra a OTAN. (Foto:Nós Diario)

Cales son as razóns pola que nace a Plataforma Galega contra OTAN e cales son os seus obxectivos?

O colectivo non xorde como consecuencia do conflito que se vive en Ucraína senón que o mesmo reafirma a necesidade dunha entidade para dar resposta ás políticas da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Neste sentido, desde a CIG, cando soubemos da convocatoria dunha cimeira da alianza para 29 e 30 de xuño deste ano en Madrid, vimos a necesidade de pór en marcha unha campaña explicando cales son os seus obxectivos.

A intención da plataforma a curto prazo é informar sobre a razón de ser da OTAN, un tema do que se fala pouco e cuxa información é case sempre manipulada ou interesada. Unha estrutura militar que supostamente naceu cos obxectivos de loitar contra a Unión Soviética pero, cando xa pasaron máis de 30 anos da desaparición desta, segue moi activa en diversas partes do planeta. Trátase de trasladar á sociedade información sobre o significado da OTAN, os atropelos que comete en todo o mundo, os intereses que defende e do perigo que representa para o mundo.

Que colectivos conforman a plataforma e cales son as actividades a realizar a curto prazo?

A Plataforma Galega contra a OTAN nace impulsada por Adega, BNG, CIG, Erguer, Galiza Nova e Mar de Lumes pero estamos xa traballando para ampliala porque aquí teñen o seu sitio todas aquelas entidades que traballan pola desaparición dos bloques militares e que neste concreto momento reclaman ao Goberno español que non envíe tropas ao leste de Europa.

Malia que a plataforma non nace como resposta á situación que se vive en Ucraína, gustaríanos coñecer a súa posición respecto a este conflito?

O caso de Ucraína é un exemplo máis de como actúa a OTAN usando a mentira e creando unha falsa sensación de temor. A maioría dos medios de comunicación súmanse á estratexia da alianza para ofrecer unha imaxe manipulada do que acontece na zona.

Ninguén nos di que Ucraína non é un Estado homoxéneo, que unha parte da poboación é de cultura e sentimento nacional ruso, que o Executivo ucraíno está apoiado pola extrema dereita ou que os Estados Unidos e a OTAN teñen vulnerado os acordos de Minsk.

Que traballo se marcan como prioritarios para os vindeiros meses?

A OTAN é un instrumento para a  guerra e a bandidaxe e debe ser combatida. A maiores da campaña informativa, traballamos na oposición ao cumio da alianza de xuño e non imos dubidar en saír á rúa no caso dun conflito bélico no leste.

Acreditamos no carácter pacífico do pobo galego e da súa oposición aos conflitos bélicos e consideramos lamentábel a posición do Goberno español e das autoridades comunitarias. 

Comentarios