Putin garante a subministración de gas ruso a Italia tras unha chamada a Draghi

Enerxéticas e bancos italianos estiveron a semana pasada en Moscova.
O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do primeiro ministro italiano, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, prometeu ao primeiro ministro italiano, Mario Draghi, que haberá unha subministración "estábel" de gas natural a Italia, menos dunha semana despois da polémica reunión entre o mandatario ruso e directivos de grandes empresas do país transalpino, onde se tratou tamén a seguridade enerxética.

A chegada do gas é unha preocupación recorrente entre os países que dependen da enerxía rusa, que temen os efectos colaterais dunha escalada política e mesmo bélica. Neste sentido, Putin reiterou a satisfacción polos resultados da reunión da pasada cuarta feira con directivos da enerxética Enel ou dos bancos Intesa San Paolo e Unicredit.

O Goberno italiano pediu a cancelación deste encontro, do que se desmarcou en todo momento por coincidir co pulso entre Occidente e Rusia. Os empresarios defenderon que a reunión fora solicitada con meses de adianto. 

A conversa telefónica de onte entre Putin e Draghi produciuse con esta crise como pano de fondo. O italiano, segundo un comunicado emitido por Roma, avogou por rebaixar tensións, "en vista das graves consecuencias que tería un recruar da crise". 

Tanto Draghi como Putin coincidiron na necesidade de traballar para lograr "unha solución sostíbel e duradeira" á actual escalada, o que pasa tamén por "reconstruír" o "clima de confianza".

O presidente ruso, segundo outra nota do Kremlin, volveu apuntar como un dos motivos principais da escalada o incumprimento por parte de Kiev do Acordo de Minsk, a folla de ruta para lograr a paz no leste de Ucraína tras oito anos de guerra.

Reunión Lavrov-Blinken

Por outra parte, os xefes da diplomacia de Rusia e dos EUA, Sergei Lavrov e Antony Blinken, falaron tamén onte por teléfono. Blinken apuntou a vontade de Washington de continuar cun intercambio "substantivo" con Moscova sobre preocupacións en materia de seguridade mutua, e pediu a retirada do equipamento ruso da fronteira con Ucraína para avanzar na desescalada.

Lavrov criticou os esforzos da OTAN por obviar o principio da indivisibilidade da seguridade "chave no dereito internacional". "Os nosos colegas occidentais non só están a tratar de ignoralo, senón a esquecelo por completo", apuntou ante os medios.

Ademais, a respecto do documento enviado por EUA e a OTAN, Putin asegurou tras unha reunión onte en Moscova co primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, que "ignora as preocupacións fundamentais" de Rusia, a respecto do avance da Alianza Atlántica cara ao leste.

Comentarios