Rusia, "disposta" a dialogar con Ucraína, cre que os EUA "saben algo que os demais non"

O Kremlin abre a porta a recibir o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, para tentar arrefriar o conflito. Tamén China avoga por "abandonar a mentalidade da Guerra Fría", mais "respectando" as peticións rusas, mentres os EUA vaticinan que Ucraína será invadida en febreiro.
Un sinal advirte da presenza de minas antipersoa sobre o terreo, no territorio fronteirizo de Luhansk (Foto: Sergey Averin / Europa Press).
photo_camera Un sinal advirte da presenza de minas antipersoa sobre o terreo, no territorio fronteirizo de Luhansk (Foto: Sergey Averin / Europa Press).

O ministro de Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov, afirmou esta sexta feira que, "polo que depende" do seu goberno, "non" haberá guerra en Ucraína porque "non" quere pelear, se ben advertiu que Moscova "non permitirá que os seus intereses sexan ignorados e pisados burdamente".

Neste senso, salientou que as propostas de garantías de seguridade presentadas aos Estados Unidos de América (EUA) e a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) "non son un ultimato". "Agora, cando EUA tenta presentar as nosas propostas como un ultimato, lembrarémosllo e conseguiremos que non o eludan, senón que digan honestamente como interpretan o que asinou o seu presidente", dixo.

Estas palabras de Lavrov chegaron logo de que na quinta feira o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, afirmara que "nin EUA nin a OTAN" tiveron en conta as preocupacións de Rusia no que atinxe ás negociacións que ambos os estados lideran para arrefriar o conflito e atender as demandas rusas en materia de seguridade.

Os EUA, porén, aseguraron con rotundidade esta mesma semana que non farán "concesión ningunha" a Moscova, algo que para Peskov significa que hai "pouco espazo para o optimismo".

EUA cre que Rusia invadirá Ucraína en febreiro

Joe Biden, presidente dos EUA, ten unha visión diferente do que está a acontecer no leste de Europa ante o aumento das tensións políticas: "Hai unha clara posibilidade de que os rusos invadan Ucraína en febreiro". O mandatario estadounidense reuniuse na quinta feira co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e garantiu que Washington responderá "con decisión" no caso de que Moscova iniciase unha ofensiva militar na rexión.

China apoia a Rusia

Pola súa parte, o Goberno chinés apoia a postura de Rusia. Nunha conversa que o secretario de Estado dos EUA, Anthony Blinken, mantivo co ministro de Exteriores de China, Wang Yi, este último pediu que as "preocupacións lexítimas" de Moscova sexan "tomadas en serio e resoltas".

"A seguridade dun país non pode ser a expensas da seguridade dos outros, e a seguridade rexional non pode ser garantida polo fortalecemento e incluso a expansión dos bloques militares", engadiu o diplomático chinés, que tamén avogou por "abandonar completamente a mentalidade da Guerra Fría e crear un mecanismo europeo de seguridade equilibrado, efectivo e sostíbel a través das negociacións".

O Kremlin, a prol dun encontro bilateral con Zelenski

Así as cousas, o Goberno de Rusia manifestou esta sexta feira a súa predisposición a manter un encontro bilateral co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, para abordar a normalización das relacións entre ambos os países ante a repunta das tensións.

"Se Zelenski quere debater a normalización das relacións bilaterais, que se ven afectadas polas accións unilaterais do seu réxime, estamos dispostos", sostivo Sergei Lavrov, que aproveitou para acusar os EUA de "utilizar" o mandatario ucraíno para "avivar as tensións mobilizando os seus secuaces europeos que apoian os seus sentimentos rusófobos".

Aliás, Lavrov cuestionou "quen quere" a guerra: "Quen evacuou as súas embaixadas? Estadounidenses, británicos e canadenses. Saben algo que o resto non sabe. Talvez nós tamén deberiamos tomar precaucións en previsión dalgunha provocación deles".

Comentarios