Estados Unidos enviará máis militares ás fronteiras de Europa

Joe Biden e o resto do seu equipo gobernamental manteñen a suposta ameaza de que o Estado dirixido por Vladimir Putin comece o proceso de invasión de Ucraína.
Joe Biden, presidente dos EUA, prepara un novo movemento de tropas en Ucraína (Foto: Europa Press).
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA, prepara un novo movemento de tropas en Ucraína (Foto: Europa Press).

O voceiro do Departamento de Defensa dos Estados Unidos (EUA), John Kirby, informou na terza feira do despregue de máis tropas estadounidenses nas fronteiras dos socios da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e Rusia.

Exactamente, uns 1.700 efectivos que actualmente se atopan en Alemaña desprazaranse até Polonia. Ademais, outros mil soldados instalaranse en Romanía. Estados Unidos xa contaba coa mobilización de 8.500 membros do seu exército no caso de que Rusia iniciase unha ofensiva en solo ucraíno, algo que aínda non sucedeu.

Kirby quixo desvincular o novo despregue de militares, aprobado polo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, dese primeiro continxente de 8.500 efectivos. O voceiro asegurou que estes soldados desprazados "de xeito temporal" a Polonia e Romanía "non van combater en Ucraína".

Mentres as manobras belicistas dos Estados Unidos proseguen, o Goberno ruso volveu criticar a implicación militar deste país en territorio europeo. Novamente solicitou á OTAN que paralice a súa actividade nos países fronteirizos con Rusia, incrementada nas últimas semanas, desde que Joe Biden acusara Putin de organizar a invasión de Ucraína.

Conflito diplomático ou bélico?

O presidente dos EUA asegurou que "hai unha clara posibilidade de que os rusos invadan Ucraína en febreiro". Biden e o resto de aliados da OTAN aseguraron en numerosas ocasións que actuarían "con decisión" e non deixarían caer o Goberno de Ucraína, vencellado coa extrema dereita e o nazismo.

Pola súa parte, o Kremlin negou en numerosas ocasións que estea a pensar nunha posíbel anexión de Ucraína. O ministro de Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov, afirmou o 28 de xaneiro que, "polo que depende" do seu goberno, "non" haberá guerra en Ucraína porque "non" quere pelear, se ben advertiu que Moscova "non permitirá que os seus intereses sexan ignorados e pisados burdamente".

O Goberno ruso segue a manifestar que se trata dun conflito diplomático e que a solución debe seguir ese camiño. Tamén acusou os Estados Unidos de querer comezar unha guerra. que "quen evacuou as súas embaixadas? Estadounidenses, británicos e canadenses. Saben algo que o resto non sabe. Talvez nós tamén deberiamos tomar precaucións en previsión dalgunha provocación deles", engadiu Lavrov. 

Comentarios