Rusia e Ucraína intercambian acusacións mentres Acnur eleva os civís mortos a case 4.000

Acnur vén de elevar a 3.974 a cifra de persoas civís mortas en Ucraína. No entanto, Rusia e Ucraína intercambian acusacións sobre as mortes.
A cidade de Mariupol fica en ruínas após tres meses de conflito. (Foto: V Ictor / Xinhua News / Contacto Photo)
photo_camera A cidade de Mariupol fica en ruínas após tres meses de conflito. (Foto: V Ictor / Xinhua News / Contacto Photo)

O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur) vén de elevar a 3.974 a cifra de persoas civís mortas en Ucraína desde que principiou a guerra o pasado 24 de febreiro.

O servizo de prensa do Comité de Investigación de Rusia informou esta quinta feira do descubrimento dunha fosa común en territorio anteriormente controlado polas milicias e o Exército de Ucraína en Mariupol.

O organismo comunicou que está a solicitar elementos de proba para estabelecer casos criminais con relación a este achado, que as testemuñas describen como os restos de centenares de persoas falecidas.

"O Comité de Investigación de Rusia recollerá en causas penais os datos sobre o descubrimento dunha fosa común organizada por militares ucraínos na cidade de Mariupol", sinalou.

O alcalde local, Konstantín Iváschenko, explicou que a fosa común atopouse nun dos cemiterios da cidade, territorio que, confirmou, estivo controlado por milicias ultradereitistas ucraínas, como o batallón Azov.

"Segundo declaracións de residentes locais, chegaban vehículos a esta zona, en marzo, e os uniformados sacaban corpos para poñelos nas trincheiras previamente cavadas", afirmou.

22.000 persoas terían morto na batalla Mariupol

En declaracións á CNN, Petro Andriushchenko, un antigo asesor da Alcaldía de Mariupol fuxido a territorio ucraíno, dixo que as estimacións de persoas falecidas durante as batallas na cidade sería de cando menos 22.000.

A cifra de 22.000 está baseada, dixo Andriushchenko, nos "moitos contactos" que el e outras persoas colaboradoras do Goberno da cidade tiveron coas tropas ucraínas atrapadas dentro, mais cre que o número real podería ser moito máis alto. O ex asesor ucraíno tamén afirmou que "200 corpos foron descubertos nun edificio devastado por meses de bombardeo ruso".

Comentarios