Que aconteceu despois da Revolución Laranxa de 2004 en Ucraína?

As tensións internas na Ucraína, a guerra civil na rexión do Donbás, que dura xa oito anos; e mais as tensións entre Kíiv e Moscova non son recentes, senón que teñen a súa orixe nas friccións que estalaron no ano 2004, coa coñecida como Revolución Laranxa. Nós Diario repasa os sucesos acontecidos na política ucraína entre os anos 2004 e 2014
A chamada Revolución Laranxa estalou en 2004 despois das acusacións de amaño electoral a Viktor Yanukovych. (Foto: Irpin)
photo_camera A chamada Revolución Laranxa estalou en 2004 despois das acusacións de amaño electoral a Viktor Yanukovych. (Foto: Irpen)

Viktor Yanukovych (Partido das Rexións) foi elixido o 7 de febreiro de 2010 como presidente de Ucraína ao gañar a Yuliia Timoshenko (Patria) na segunda volta das eleccións presidenciais, con 48,95% dos votos fronte ao 45,47%. Esta vitoria puña fin á chamada Revolución Laranxa de 2004, que prometía rexeneración democrática e achegamento á Unión Europea, e que resultara no ascenso ao poder de Viktor Yuschhenko, líder da coalición liberal-conservadora chamada A Nosa Ucraína.

En 2004, as eleccións presidenciais daban gañador a Yanukovych, mais xurdiron acusacións de amaño que provocaron que o 22 de novembro, un día despois das votacións, manifestantes saíran ás rúas de Kiev e bloquearan os principais edificios gobernamentais na chamada Revolución Laranxa. O 3 de decembro, a Corte Suprema de Ucraína decidiu invalidar os resultados e ditaminar novas eleccións o 26 de decembro. A Revolución Laranxa pasou  a estar no albo dos medios de comunicación de Washington e Bruxelas, mellorando a percepción cidadá de Yushchenko, que conseguiu a vitoria e tomou o poder o 23 de xaneiro de 2005.

Alianzas inestábeis

Yushchenko apoiouse en Yuliia Timoshenko, líder do partido nacionalista Patria, muller de negocios na industria do gas e unha das persoas máis ricas de Ucraína, quen se converteu na primeira ministra do Estado ucraíno. Tamén incluíu no seu equipo ao influínte político e millonario Petro Poroshenko, que obtería a carteira de Defensa. Porén, esta alianza non tardou en romper e Timoshenko abandonou o Executivo o 8 de setembro de 2005 acusada de fraude nas súas xestións, converténdose nunha das principais rivais do seu ex socio.

De forma paradoxal, o partido que fora acusado de fraude electoral, liderado por Yanukovych, alcanzou o 26 de marzo 2006 unha ampla vitoria nas novas eleccións á Rada (Parlamento). Yushchenko viuse forzado a chegar a pactos. Primeiramente intentou incluír de novo no seu Gabinete a Timoshenko como primeira ministra, mais a coalición, que contaba co prometido apoio do Partido Socialista Unificado, quebrou. Yushchenko pasou a aliarse con quen acusara de fraude, e nunha volta total dos acontecementos, Yanukovych pasou a ser primeiro ministro de Ucraína en agosto.

No seguinte ano, o 2 de abril de 2007, Yushchenko decide disolver a Rada, nunha decisión discutida, pois a lei ucraína non recolle que sexa unha competencia da Presidencia. Unha nova alianza permitiulle manter o cargo, mais o partido de Yanukovych volveu ser o máis votado con diferencia sobre o resto. Timoshenko volve obter o cargo de primeira ministra.

A continua inestabilidade do seu Gabinete levou Yushchenko a unha nova disolución da Rada o 9 de outubro de 2008, mais desta vez a decisións foi revocada polos tribunais. Así, chegouse a 2010, cando teñen lugar unhas novas eleccións á Presidencia. Tanto Yushenko, Timoshenko como Yanukovych eran rivais para liderar o país. Timoshenko logrou pasar á segunda rolda, mais foi superada por Yanukovych. A millonaria reaccionou con acusacións de fraude, mais a Revolución Laranxa ficou superada, e os resultados foron aceptados.

Penas por corrupción

Yuliia Timoshenko, xa antes acusada de fraude polo seu socio de coalición Yushchenko, foi enxuizada e condenada en 2011 por abuso de poder e enriquecemento ilícito. A política e empresaria ucraína recibiu unha sentenza de sete anos de cadea por asinar contratos para compra de gas con sobreprezo, aproveitando a influencia do seu cargo para obter beneficio individual de contratos contrarios ao interese do Estado. 

En febreiro de 2014, após as violentas mobilizacións que lograron depoñer o Goberno de Yanukovych, Timoshenko foi liberada das súa condena e anunciou unha nova candidatura para presidir Ucraína.  
Porén, foi o seu rival, Petro Poroshenko, quen obtivo a Presidencia e resultaría encargado de comandar un Estado ucraíno que se enfrontaría ás tensións coas rexións rusófonas.

Comentarios