Acnur eleva a perto de 4.000 os civís mortos en Ucraína

Aliás, máis de 6,6 millóns de persoas tiveron que abandonar o país, a meirande parte cara a Polonia e Rusia.
Máis da metade das mortes de civís producíronse no Donbás. (Foto: Alex Chan Tsz Yuk / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Máis da metade das mortes de civís producíronse no Donbás. (Foto: Alex Chan Tsz Yuk / Zuma Press / ContactoPhoto)

O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur) vén de elevar a 3.974 a cifra de persoas civís mortas en Ucraína desde que principiou a guerra o pasado 24 de febreiro. Aliás, outras 4.654 resultaron feridas de diversa gravidade.

Trátase de 1.497 homes, 985 mulleres, 91 rapazas e 99 rapaces, alén doutros 69 menore de idade e 1.233 adultos que aínda non foron identificados e cuxo sexo aínda se descoñece.

O Donbás está a concentrar a meirande parte dos ataques, e así o reflicten tamén as estatísticas. Así, máis da metade das vítimas mortais (2.106) rexistráronse nos territorios de Donetsk e Lugansk controlados polo Goberno ucraíno, e outras 128 nas zonas da rexión controladas polas forzas afíns a Rusia.

As restantes mortes rexistráronse noutras provincias do país baixo dominio de Ucraína, como Kíiv, Kharkiv, Dnipropetrovsk ou Kherson.

Máis de 6,6 millóns de refuxiados

Por outra parte, desde a ONU constatan a fuxida de máis de 6,6 millóns de persoas desde o inicio do conflito armado, das cales a meirande parte (perto de 3,5 millóns) arribaron a Polonia. Romanía (972.000) e Hungría (655.000) concentran tamén un importante número de persoas refuxiadas.

Aliás, Acnur estima que arredor de 945.000 persoas cruzaron a fronteira rusa, un dato que o Kremlin eleva a máis de 1,4 millóns. E, a maiores, máis de oito millóns de persoas tornaron en desprazadas internas no país do leste de Europa.

Stéphane Dujarric, portavoz do secretario xeral da ONU [António Guterres], incidiu en declaracións aos medios en que os enfrontamentos entre as tropas rusas e ucraínas "proseguen nas provincias de Lugansk e Donetsk, así como en Kharkiv e outros territorios do país, o que xera preocupación pola protección dos civís".

Comentarios